Sortearanse catro lotes entre a clientela valorados en máis de 500 € cada un. A asociación de comerciantes tamén pon en marcha un concurso de escaparatismo baseado na primavera
A Asociación de Comerciantes de Ordes (ACORDES) pon en marcha un novo sorteo co que poder conseguir agasallos por un valor que supera os 2000 euros. En total serán catro lotes valorados en máis de 500 euros cada un deles aos que poderán optar aquelas persoas que entreguen os boletos debidamente cubertos. Estes xa se poden solicitar nos establecementos participantes e deberán depositarse ata o 20 de maio como data límite. Para poder depositalos nas urnas colocadas nos establecementos é indispensable que conteñan o selo de catro comercios ou bares diferentes.
En total son máis de 70 negocios os que forman parte desta campaña e que entregaron premios e cheques agasallo valorados en 30 euros cada un. Tendas de moda de todas as idades e estilos, alimentación, xoguetes, óptica, telefonía, decoración, perruquería, mobiliario, xoias, libros, electrodomésticos, lencería, viaxes…. todo tipo de comercios participan nesta iniciativa.
Os gañadores ou gañadoras daranse a coñecer o vindeiro 26 de maio. O sorteo efectuarase en directo a través do magazine matinal de Radio Ordes.
Concurso de escaparates
ACORDES organiza tamén o I Concurso de Escaparatismo A Primavera, para todos os establecementos de venda polo miúdo integrados na dita asociación. Invítase a todos a decorar os seus escaparates con motivos primaverais como mínimo ata o 31 de maio, o que contribuirá a mellorar a imaxe comercial do municipio.
As inscricións xa se poden levar a cabo a través do 630461634. O xurado que valorará os escaparates estará composto por un representante municipal e por dous integrantes da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios de Ordes. O veredicto darase a coñecer o 26 de maio.