Friday 22 de November de 2024

A XV Festa do Galego abre mañá sábado o programa especial do Concello de Lousame para o Mes das Letras Galegas


Inclúe un obradoiro cultural sobre Carlos Casares para maiores de 6 anos e xogos de temática agraria para maiores de 3 anos
O Concello de Lousame abrirá mañá sábado, a partir das 11:00 horas, o seu programa “Maio Cultural”, que inclúe varias actividades co gallo da celebración das Letras Galegas 2017. A Casa da Cultura Santeiros de Chave acollerá o obradoiro “Buscando a Carlos Casares”, no que nenos e nenas maiores de 6 anos participarán nun xogo de rastrexo para dar co autor ourensán, a quen este ano está dedicado o Día das Letras Galegas.

Ás 12:00 horas, e dirixido a nenos e nenas de 3 anos en adiante, será o turno dos “Xogos do Paporrubio”, un compendio de xogos autónomos e animados de temática agraria. Durante unhas dúas horas, os pequenos terán que ir descubrindo como se xoga a algúns dos xogos tradicionais, ao tempo que coñecen pequenas historias contadas e cantadas por uns animais da granxa feitos con xoguetes e monicreques. En caso de choiva, as actividades desenvolveranse no polideportivo municipal da Silva. A entrada é libre e de balde.

E o domingo 14 de maio terá lugar o Festival de Bandas de Música Xuvenís, coa actuación das escolas de música de Cambados e de Lousame. O festival, aberto a toda a veciñanza, terá lugar a partir das 12:00 horas na praza Teodomiro Hidalgo (Portobravo).