Friday 22 de November de 2024

Un centenar de profesionais analizan en Santiago os efectos da descarbonización e da emisión de gases de efecto invernadoiro


O Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) celebrou esta mañá a sexta edición das Xornadas de Enxeñería, Enerxía e Industria (#xeei2017) baixo o título A Transición Enerxética: Cara á descarbonización. A xornada foi inaugurada polo Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, o decano do ICOIIG, Oriol Sarmiento e o delegado en Galicia de de Iberdrola, Francisco Silva. Nesta edición a XEEI foi patrocinada por Iberdrola en colaboración da consultora Monitor Deloitte.

Desde o ICOIIG apuntaron: ?A transición enerxética é un concepto de gran actualidade, consistente en analizar os cambios que terán que facer tanto a sociedade como empresas para adaptarse a un horizonte 2050 no que a Unión Europea marcouse como obxectivo a desaparición das enerxías emisoras de gases de efecto invernadoiro (gasóleo, gas natural, carbón?); estas fontes deberían ser substituídas por enerxías renovables, tecnoloxías non contaminantes, eficiencia enerxética e outras tecnoloxías que poidan ser descubertas de aquí á metade de século?.

Esta sexta edición da XEEI busca estudar como debe afrontar a sociedade a loita contra as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) para este horizonte 2050, a nivel empresarial e institucional, así como as oportunidades de negocio que para unha profesión como a enxeñería industrial ofrecen. Co fin de estudar os efectos da descarbonización nas empresas impartiron relatorios representantes da consultora Monitor Deloitte (Alberto Amores, enxeñeiro industrial e especialista en cambio climático); do Grupo PSA (Ricardo de Lombas, responsable de Vehículo Eléctrico de Citroën-Peugeot en España); de Castrosúa (Sergio Tarrío, enxeñeiro industrial e responsable de I+D+i nesta empresa) e de Iberdrola (Luís Gutiérrez, responsable de Smart Solar, solucións solares integrais en Iberdrola).

Posteriormente houbo unha mensa institucional, na que os representantes dos partidos presentes no Parlamento de Galicia expuxeron as liñas de actuación que consideran que se deben seguir para diminuír as emisións de GEI, que foi moderada por Marcario Fernández-Alonso, da consultoría MC Valnera. Na devandita mesa interviñeron Juan Jucal (Partido Popular), Anxo Mato Gradua (Partido Socialista) e os portavoces de En Marea e BNG na Comisión de Enerxía e Industria do Parlamento de Galicia, Francisco Casal e Noa Presas Bergantiños.

A xornada foi clausurada por Xan Duro, concelleiro de Mediambiente e Convivencia do Concello de Santiago de Compostela, Anxo Bernardo Tahoces, Director Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, Alberto Amores, socio da Consultora Monitor Deloitte e Fernando Branco Silva, delegado do Colexio de Enxeñeiros Industriais en Santiago de Compostela.
Agradecemos de antemán a difusión desta nota de prensa. Achegamos fotografías da xornada inaugural.