Friday 22 de November de 2024

As orquestras París de Noia e Fania Blanco Show abren mañá venres a XXI Festa da Troita de Oroso



A degustación de troitas terá lugar o domingo 14 de maio na Alameda de Góis e en 36 establecementos hostaleiros do municipio, que en total repartirán uns 3.500 quilos

As orquestras París de Noia e Fania Blanco Show abrirán mañá venres 12 de maio a XXI Festa da Troita de Oroso. Unha verbena que terá lugar a partir das 22:30 horas na alameda de Góis (Sigüeiro), que se converterá no epicentro dos festexos durante esta fin de semana. Luís Rey Villaverde, coordinador da Festa da Troita, apunta que “agardamos a asistencia de máis de 7.000 persoas en cada unha das tres verbenas programadas na Festa da Troita, debido á gran atracción que teñen estes grupos como se demostrou na pasada Festa da Xuventude”.

Campionato de pesca

Para o sábado 23 de maio queda o XXI Campionato de Pesca, no que tomarán parte unha ducia de pescadores no coto do río Tambre e baixo as normas da Federación Galega de Pesca, é dicir, baixo a modalidade de pesca sen morte. Só serán válidas as pezas de 17 ou máis centímetros de lonxitude e só se permitirán os cebos artificiais, cuxos anzois deberán estar desprovistos do arponciño.

Os pescadores concentraranse ás 8:00 horas no restaurante Lar Blanco para recoller a documentación. A primeira manga terá lugar entre as 9:00 e 13:30 horas, con cambio de pescador e control ás 11:00 horas. Tras o xantar comezará a segunda manga, tamén con cambio de pescador, entre as 16:00 e 18:30 horas, de xeito que cada competidor terá un tempo de pesca de 4 horas. A competición rematará ás 20.30 horas e a entrega de trofeos terá lugar o domingo día 14, ás 13:30 horas.

A mañá do sábado estará dirixida especialmente ao público infantil, cuns divertidos obradoiros na praza Isaac Díaz Pardo entre 11:30 e 13:00 horas. A asistencia é libre e de balde. A música correrá a cargo da Charanga TNT. Xa pola tarde, continúa a programación infantil e familiar na praza de Isaac Díaz Pardo coa actuación do mago Teto (18:00 horas) e os concertos da asociación folclórica Lembranzas do Tambre (19:30 horas) e da asociación cultural Néboas no Cumio (20:30 horas). As orquestras Panorama e Atenas pecharán a xornada do sábado cunha verbena popular ás 22:30 horas na alameda de Góis.

Degustación de troitas

O domingo 14 de maio, día grande da XXI Festa da Troita, comezará ás 9:30 horas co Campionato de Pesca Infantil, no que tomarán parte un total de 16 rapaces e rapazas no río Carboeiro. Tras o pasacalles da Charanga Mekánika, durante todo o día a praza Isaac Díaz Pardo acollerá unha serie de xogos tradicionais para desfrutar en familia, da man de Garabato de Xogos.

Ás 12:30 horas comezará o acto central da festa: a Degustación de Troitas en bares colaboradores e nunha carpa na alameda de Góis. O concelleiro de Cultura e coordinador da Festa da Troita, Luís Rey Villaverde, agradece “a extraordinaria colaboración dos bares e restaurantes de Oroso colaboradores, pois fan un importante investimento para mercar esas troitas coas que agasallarán aos seus clientes”. Cada un dos 36 bares e restaurantes colaboradores comprou entre 80 e 90 quilos de troita, das que darán boa conta os milleiros de visitantes que se acheguen por Oroso. Paralelamente, na alameda de Gois haberá unha degustación de 300 quilos de troitas, organizada polo Concello de Oroso. En total, este domingo degustaranse en Sigüeiro uns 3.500 quilos de troita, unha degustación que estará amenizada pola Charanga Mekánika e a agrupación folclórica Buxos Verdes.

Unha hora despois, ás 13:30 horas, terá lugar o pregón da festa, que este ano correrá a cargo de María de Lurdes Oliveira Castanheira, presidenta da Cámara Municipal de Góis. Acto seguido procederase a entregar os premios do XXI Concurso de Pesca, que dará paso á sesión vermú coa orquestra Metrópolis.

Ás 14:30 horas terá lugar un xantar popular nunha carpa na alameda de Góis, onde as troitas volverán ser as protagonistas. E, a partir das 19:30 horas, o Combo Dominicano e a orquestra Metrópolis poranlle o broche de ouro á festa. Durante os tres días, nas rúas de Sigüeiro haberá instalados distintos postos de venda de todo tipo de produtos, así como atraccións de feira para todos os nenos e nenas que se acheguen. Ademais, o centro cultural de Sigüeiro acollerá a exposición “Catro médicos por Oroso”, unha mostra de pintura protagonizada por catro doutores galegos.