Friday 22 de November de 2024

Ovidio Rodeiro asistiu á gravación do vídeo das Letras Galegas na que participaron máis de mil escolares de toda a provincia


O delegado territorial da Xunta na Coruña acudiu ás instalacións de Navantia, que cedeu as súas dependencias para acoller a actuación a cargo de Guadi Galego

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiu esta mañá á gravación da actuación de máis de mil rapaces que interpretaron a coro a canción Chea de vida, da artista ferrolá Guadi Galego. A actividade culmina un proxecto desenrolado ao longo do curso no Centro de Formación e Recursos (CFR) de Ferrol, e que tiña por obxecto estimular o canto coral nos centros de ensino de primaria e secundaria, utilizando o repertorio de grupos e cantantes galegos actuais. Os propios promotores escolleron a data con fin de que o vídeo poda estrearse nas redes o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Ovidio Rodeiro asistiu á gravación acompañado polo director do centro, Manuel Losada, e por persoal de Navantia. Os organizadores fixeron especial fincapé na acollida por parte da empresa a este proxecto, inspirado na tradición coral galega herdada da antiga Escola Obreira da Empresa Nacional Bazán. O delegado territorial pediulle aos responsábeis do proxecto que trasladasen a súa felicitación “a todos os docentes que fixeron posible esta actividade e a todos aqueles que traballaron para organizar un espectáculo tan brillante e emotivo como o que acabamos de ver”.

Os máis de mil alumnos que tomaron parte na actividade pertencen aos centros CEIP A Laxe (Ferrol), CEIP de Pazos (Ferrol), CEIP Isaac Peral (Ferrol), CEIP Nicolás del Río (Cedeira), CEIP Plurilingüe de Andrade (Pontedeume), CEIP San Isidro (Neda), CEIP Santiago Apóstolo (Mugardos), CPI As Mirandas (Ares), CPI de San Sadurniño, CPR Plurilingüe Jesús Maestro (Ferrol), IES Alfonso X O Sabio (Cambre), IES Canido (Ferrol), IES de Mugardos, IES De Ortigueira, IES Monelos (A Coruña), IES Saturnino Montojo (Ferrol), e IES Terra de Trasancos (Narón).