Friday 22 de November de 2024

O Sergas asumirá a titularidade do centro de saúde de Brión o próximo 1 de xullo


A xerente da Área Sanitaria de Santiago e o alcalde brionés visitaron esta mañá as instalacións para facer o traspaso canto antes
O Sergas asumirá a titularidade do centro de saúde de Brión o próximo 1 de xullo. Así llo confirmou esta mañá a xerente de Xestión Integrada de Santiago, Eloína Nuñez Masid, ao alcalde de Brión, José Luís García, logo dunha visita ás instalacións do centro brionés e tras manter sendas reunións tanto co equipo médico do cento de saúde como cos técnicos municipais.

José Luís García celebra o anuncio pois considera que se trata “dun acto de xustiza que levou demasiado tempo, xa que era unha discriminación que outros concellos non tiveran que custear o mantemento dos seus centros de saúde e Brión si, sobre todo cando os informes técnicos din que o problema de humidades se deben a unha incorrecta execución da cuberta do edificio, polo que dende o principio é a Xunta quen debe acometer ese arranxo”. O alcalde brionés explicou que o inmoble presente graves problemas de humidades, sobre todo na zona norte, que se reproducen cada vez que chove, como puideron comprobar hoxe sobre o terreo.

García indicoulles que o Concello fai actuacións de mantemento de xeito periódico, pero que o problema radica na cuberta. Así mesmo, explicoulles que técnicos da Consellería de Sanidade xa visitaron o inmoble e mesmo fixeron un proxecto para arranxar a cuberta do centro de saúde, xa que o cano interior para o desaugue das pluviais non ten a pendente necesaria para evacuar a auga, polo que queda retida na cuberta da edificación, e tampouco ten a altura precisa para resultar efectivo.

Fallos estruturais

Pola súa banda, Eloína Núñez explica que “o obxectivo desta visita é contactar co Concello para ver as deficiencias que hai no centro, para poder facer o traspaso sen que ningún paciente se dea conta do cambio. Ademais, reunirémonos co persoal do centro médico para que nos coñezan, ver as súas metodoloxías de traballo, explicarlles os nosos obxectivos…”. Tras visitar o centro, Núñez Masid considera que “ten os seus pequenos fallos estruturais que hai que solucionar pero está ben dividido e estruturado, é luminoso e dos máis bonitos e funcionais que temos visto”.

A xerente da Área Sanitaria de Santiago estivo acompañada por gran parte do seu equipo directivo na Xestión Integrada de Santiago: Antonio Álvarez, director de Procesos Asistenciais; María José López Rebollo, directora de Recursos Económicos; Sinda Blanco, directora Médica de Atención Primaria; Montserrat Souto, subdirectora Médica de Atención Primaria; María José Campos, xefa de servizo de Hostalería e Servizos Xerais; e José Manuel Fernández, subdirector de Recursos Económicos.