“Camiños de Coñecemento e Experiencia” é o título do programa
O municipio de Riveira vai ser escenario este mes dunha iniciativa piloto da Universidade de Santiago de Compostela que nace coa intención de perseguir “a democratización do coñecemento”: un programa formativo dirixido ao colectivo de persoas maiores de 50 anos titulado “Camiños de Coñecemento e Experiencia”.
Para explicar o contido destas xornadas compareceron hoxe no consistorio local a directora e a secretaria do IV Ciclo Universitario (Programa Universitario de Maiores), Esther Olveira e Belén Seijas, respectivamente, xunto coa conselleira de Cultura e Educación, Herminia Pouso.
Este programa terá lugar durante os días 22, 23, 26 e 31 de maio e 1 de xuño no Centro Cultural Lustres Rivas, culminando no próximo outubro coa asistencia a un concerto da Real Filharmonía de Galicia no Auditorio Municipal de Riveira.
Teórico e práctico
O que se busca é, en palabras de Esther Olveira, “vincular o coñecemento universitario coa realidade de Riveira” e para isto desenvolverase clases teóricas sobre temáticas culturais (“Historia da Cultura de Galicia”, por Rubén Castro Redondo, profesor da Facultade de Xeografía e Historia) e medioambientais (“Medio Ambiante”, por José A. Rodríguez Añón e Jorge Proupín Castiñeiras, ambos profesores da facultade de Física da USC) e visitas interactivas relacionadas coas mesmas a, por un lado, o dolmen de Axeitos e, por outro, ao Centro Tecnolóxico Galego de Acuicultura (CETGA), situado en Couso. O último día haberá unha nova clase teórica titulada “Invitación a un Concerto”, por Silvana Longueira Matos e Laura Touriñán Morandeira, profesoras da facultade de Ciencias da Educación.
Máximo 25 alumnos
O número máximo de alumnos será de 25 e os interesados poderán inscribirse no Servizo de Normalización Lingüística no Lustres Rivas (981 835 650 ou normalizacion@riveira.com). O prazo para anotarse comeza xa e como data límite o 19 de maio.
A intención dos integrantes do IV Ciclo é dar continuidade a este tipo de programas formativos abrindo o abano de municipios nos que celebralos en próximas edicións. Este ano está previsto desenvolver accións semellantes noutros seis municipios de outras tantas comarcas.