Sábado, de 9 a 19.00h.- Ruta xeolóxica
A Sociedade Xeolóxica de España organizou para os días 6 e 7 de maio o denominado Xeolodía, que no caso de San Sadurniño, A Capela e Neda se ampliou tamén ao sábado 13 de maio cunha ruta polo val do Castro, o Forgoselo, as Penas Louseiras, o Belelle e os canóns do Eume. A ruta estará guiada polo xeólogo Fran Canosa e está cofinanciada polos tres municipios. No caso de San Sadurniño, o itinerario -para o que xa non hai prazas dispoñibles- sairá de diante do Concello ás 10.00h.
Sábado, 18.30h.- I Encontro infantil de cantares tradicionais “O Saíme Canta”
Local social da Veiga, Naraío.
A asociación veciñal O Castelo de Naraío programou co gallo das Letras Galegas un evento que pon en valor a oralidade e a música tradicional como vehículos de transmisión e difusión da cultura.
En colaboración coa Rapazada do Saíme -o grupo vocal de nenas e nenos nacido nas escolas municipais de música tradicional- a asociación ofrecerá un encontro no que tamén participarán formacións infantís do Padroado da Cultura do Concello de Narón e da agrupación folclórica Airiños dos Carrís, de Cerdido.
Domingo, 10.15h. – Camiñada á romaría da O
Saída do cruzamento do Eirexado, Naraío
O Castelo de Narahío repetirá a súa tradicional camiñada á Romaría da O para a que non é precisa inscrición previa. Sairán do cruzamento do Eirexado sobre as 11.00h. pasando por Cabanas, Liñares, os Tortos, a Cabrita e o Muíño de Pedroso. Este ano non hai festas, pero si se ofrecerán as misas habituais: o sábado ás 18.00h. e o domingo cada hora de 9 a 12.00 e tamén ás 18.00h.
Domingo, 19.00h. – Teatro: “Terapia de Bar”
Casa da Cultura de San Sadurniño
Jose Prieto dirixe a Juanín Ares, José Manuel Felpeto, Chani Hernández, Maite Dacosta, Chus Olivares e Ruth Fernández -parte da trouppe do Aturuxo de Melpómene- nunha comedia de terror, vicios e manías ambientada no Bar da Costa, onde poucas veces para ninguén e, de facelo, nunca volta. É máis, ata é posible que xa nunca saia desta taberna peculiar onde os seus únicos moradores aplican “terapias” para salvarnos da vida moderna.
Prezo das entradas: 3€, poden reservarse no 616.332.919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal
Público: maiores de 16 anos