Friday 22 de November de 2024

O PSOE lamenta que a Xunta volva a renunciar a desenvolver un plan de apoio ao sector téxtil de Ordes e a súa comarca


Begoña Rodríguez critica a “falta do apoio ao sector e ás traballadoras que están a sufrir o ERE do Grupo Deus”, algunhas delas presentes no Parlamento
A Agrupación Socialista de Ordes lamenta que a Xunta de Galicia volva a renunciar unha vez máis a desenvolver un plan de apoio específico para o sector téxtil para Ordes e a súa comarca. Así o volveu confirmar esta tarde o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, a preguntas da deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo e ante un grupo de traballadoras do Grupo Deus, que se atopaba na bancada do público acompañadas por membros da Agrupación Socialista de Ordes.

Begoña Rodríguez Rumbo lembroulle ao conselleiro que “o sector téxtil na comarca de Ordes chegou a contar cuns 1.500 empregos, que se foron perdendo paulatinamente: 332 entre 2008 e 2012; uns 50 no 2014 co peche de Textilmendo; 120 no 2016 co peche de Viriato e, nestes momentos, 103 mulleres que se atopan nun ERE no Grupo Deus con atrasos nos pagos de varias mensualidades”. Uns datos que non cuantifican os pequenos talleres, que se tiñan artellados ao redor das empresas máis grandes, o que supón que en menos de dez anos se teñen perdido a metade dos empregos do sector téxtil ordense sen que a Xunta de Galicia fixera nada por tentar de evitalo.

Rodríguez Rumbo atribuíu esta perda de emprego a dous factores: pola competencia polo prezo, que fixo que os talleres da comarca de Ordes fosen substituídos pola deslocalización no estranxeiro (sobre todo en países como Marrocos, Romanía, India e China), pero tamén pola inexistencia dun Plan Estratéxico que permitira a súa supervivencia.

Reunión en Ordes

Pola súa banda, Francisco Conde, que agradeceu a presenza na Cámara das traballadoras de Deus e lles trasladou a súa sensibilidade, anunciou que “temos fixado para mañá unha xuntanza co alcalde de Ordes e coas traballadoras desta empresa para seguir identificando posibilidades de desenvolvemento futuro. Non é a primeira, xa tivemos co Igape e coa Secretaría Xeral de Emprego para garantir os dereitos destas traballadoras e buscar vías de colaboración para o sector produtivo en Ordes e a súa comarca.

“Os socialistas xa temos presentado varias iniciativas porque este problema se vía vir”, lembrou a deputada, que pediu incluír o sector na axenda de competitividade da Xunta, apostando pola dinamización e renovación dos talleres e solicitou respostas para as traballadoras do grupo téxtil Deus, que estaban presentes na tribuna durante a intervención no pleno. “Alégrome de que o feito de que estean elas aquí hoxe sirva para que vostede se sente co alcalde e con elas, porque merecen un traballo digno e unha vida digna”, afirmou Rodríguez Rumbo.

Sen embargo, as traballadoras presentes no Parlamento puntualizaron á Agrupación Socialista de Ordes que esta reunión non ten como obxectivo analizar a situación do sector téxtil na comarca ordense ou buscar solucións ao ERE do Grupo Deus, que afecta a 103 traballadoras. Trátase dun encontro cun pequeno grupo de traballadoras que buscan información para montar unha cooperativa, non coas traballadoras do Grupo Deus.

Aínda que os socialistas apoian calquera nova iniciativa empresarial que poida xurdir deste encontro, lembran que coa súa falla de apoio ao sector, o Goberno galego está a permitir que os pequenos talleres téxtiles non poidan asumir por si solos o investimento necesario para a súa renovación e modernización, o que se traduce nun empeoramento das condicións laborais e de produción destes talleres, que se ven abocados a competir a través da redución dos custes de producións en lugar de impulsar unha industria que sume valor engadido e ofreza unha produción de calidade. “Hai que apostar tamén por empresas tradicionais e no rural para que se manteña o emprego, o maior problema que temos os galegos”, lembrou Rodríguez Rumbo.