Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Oroso abre o prazo de presentación de candidaturas para a IV Gala da Cultura, que terá lugar o venres 2 de xuño


A iniciativa busca recoñecer o mérito de persoas, entidades, asociacións e empresas relacionadas coa cultura

O Concello de Oroso vén de convocar a cuarta edición da Gala da Cultura, unha iniciativa coa que pretende recoñecer o mérito de persoas, entidades, asociacións ou empresas que destaquen no ámbito cultural. Uns recoñecementos que contarán con catro categorías: premio á Traxectoria no eido da cultura, premio á Promesa 2016 (que despunte nalgunha categoría ou disciplina artística), premio á Asociación/Entidade que en 2016 potenciase a cultura en Oroso e premio á Empresa que apoie a cultura.

Calquera veciño, institución, asociación ou entidade de Oroso pode presentar os seus candidatos ou candidatas sempre que o faga ata a última semana de maio no Rexistro do Concello de Oroso, non solicite o premio para si mesmo (ou para o grupo que represente) e que o seu candidato pertenza ao ámbito municipal de Oroso. Para presentar o/a seu candidato/a, esa persoa deberá encher o formulario de inscrición, así como presentar unha memoria que detalle o labor desenvolto polo nominado ou nominada e que recolla os seus méritos. Máis información sobre as bases e formulario de inscrición no centro cultural de Sigüeiro (981 690 903).

A resolución do xurado darase a coñecer durante a celebración da IV Gala da Cultura, que terá lugar no Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa de Sigüeiro o próximo venres 2 de xuño, ás 20:30 horas. Os premios non terán dotación económica algunha, xa que os galardoados recibirán un placa e un diploma como recoñecemento á súa labor cultural.