Conseguiron o primeiro, segundo e cuarto premios na categoría Wall-E, para alumnado de 3 e 4º da ESO
O alumnado do IES de Brión ven de acadar un novo recoñecemento na III Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, na que participaron máis de oitocentos rapaces e rapazas encadrados nun total de 172 equipos e divididos en dúas categorías: Wall-E (con tres premios: 1º e 2º de ESO, 3º e 4º de ESO e Bacharelato) e R2D2 (con dous premios: FP e Universidade). Un dos equipos do IES brionés, o “Brión 4”, conseguiu a gañar o primeiro premio na categoría Wall-E, modalidade para alumnado de 3º e 4º de ESO, na que participaron 82 equipos de toda Galicia.
O instituto brionés participou con cinco equipos, tres de 4º da ESO e dous de Bacharelato. Catro destes equipos conseguiron clasificarse para a fase final da competición logo de que os seus robots superaran un exercicio de “rastrexo”, que consistiu en seguir o percorrido de liñas rectas e curvas trazadas nun tapiz. Despois se enfrontaron a unha segunda proba, a do “varredor”, onde os robots debían moverse nun trazado dun metro de diámetro e recoller dous envases de refresco, para trasladalos fóra do circuíto no menor tempo posible.
Os equipos “Brión 4” e “Brión 3” foron os dous mellores de toda Galicia, mentres que o “Brión 5” logrou un meritorio cuarto posto nunha disputadísima final. Pola súa banda, o equipo “Brión 2” chegou a clasificarse para a final na categoría de Bacharelato, pero quedou fóra do podio. A III Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo é unha proba que pretende achegar o mundo universitario ao alumnado de ESO e Bacharelato para que, dun xeito simple e entretido, se familiaricen co mundo da robótica a través da na montaxe e programación dun robot móbil co que superar as probas da competición.