Friday 22 de November de 2024

Dúas liñas de axudas de Medio Rural permiten un investimento nas explotacións agrarias da Coruña de 25 millóns de euros


As achegas teñen como obxectivo a modernización de producións a través de plans de mellora e a incorporación de mozos á actividade agraria e gandeira

A Consellería do Medio Rural apoiou en 2016 a un total de 300 explotacións agrarias da provincia da Coruña con achegas para modernizar as súas producións a través de plans de mellora e para incorporacións dos mozos á actividade agraria e gandeira, facilitando axudas de preto de 15,6 millóns de euros.

Estas cifras foron resaltadas polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, na visita á explotación agraria Horta Bértoa, no concello da Laracha, que recibirá con cargo á orde de 2016 unha axuda para aumentar en 2.000 metros cadrados a súa superficie de invernadoiros e outra subvención para a incorporación dunha moza como cotitular da empresa.

Os beneficiarios destas dúas liñas de axudas son explotacións agrarias e gandeiras que, por unha banda, reciben subvencións de máis de 60.000 euros de media para financiar os investimentos materiais e inmateriais que supoñan unha mellora do rendemento global da explotación, como a compra de nova maquinaria, plantación e mellora de cultivos, a posta en marcha de novas instalacións ou terreos e a adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos. Por outra banda, tamén se incorporaron ao agro 164 novos mozos e mozas, cunha axuda media de 40.000 euros.

Grazas a estas liñas de axuda o investimento global no agro da provincia da Coruña foi de preto de 25 millóns de euros, contando as achegas para os novos investimentos realizados polos titulares das explotacións.

O delegado territorial afirmou que o Goberno galego seguirá traballando e apostando polo rural, “fomentando a creación de emprego, mellorando o volume e a competitividade das explotacións e adecuando a prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, con iniciativas como a posta en marcha do programa impostos cero, que eliminou os tributos por mercar ou permutar parcelas e fai que os mozos e familias numerosas non teñan que pagar nin un euro de impostos por mercar a súa vivenda habitual”.