Friday 22 de November de 2024

Este sábado poderase aprender en San Sadurniño como facer xabón artesanal e como decorar con flores


Este sábado vén cumprido de propostas coas que encher o tempo libre. Dúas delas serán obradoiros nos que aprender cousas tan útiles para o fogar como son a elaboración de xabóns artesanais e a preparación de espectaculares xarróns e centros de mesa con flores. No primeiro caso trátase dunha proposta da asociación ConcienciArte -antes coñecida como Con Suma Conciencia- impartida por Matilde Ramos, mentres que no segundo será a florista local Tania Couce quen mostre todo o que sabe na penúltima edición do Tempos para compartir antes das vacacións do verán.

O obradoiro de arte e decoración floral do Tempos… desenvolverase no local social de Santa Mariña do Monte a partir das 17.00h. Tania Couce -propietaria da florería La Feria (situada fronte á Capela do Belén)- ten preparada unha interesante actividade na que dará as claves sobre como elixir as flores e como combinalas de forma acertada tanto en xarróns cos que encher calquera recuncho como en centros cos que darlle cor a calquera mesa.

Ofrecéronse 12 prazas das que só faltan catro por cubrir Terán prioridade ás persoas empadroadas en San Sadurniño e para apuntarse hai que chamar antes de venres ao 981 490 027 (ext.1). Nese teléfono tamén poderemos postularnos como docentes de futuros obradoiros. Iso si, xa para despois do verán, posto que o último Tempos… antes das vacacións estivais está organizado. Será o sábado 10 de xuño en Bardaos e nel aprenderemos a dar as nosas primeiras puntadas con Natalia Fraguela. Aínda hai prazas dispoñibles.

Xabóns en Silvalonga
A outra actividade prevista para o sábado chega da man de ConcienciArte, o colectivo que antes se denominaba Con Suma Conciencia. Matilde Ramos ensinará na antiga escola de Silvalonga todos os pasos para elaborar xabón artesán mediante a técnica do “proceso en frío”, coa que é doado obter xabóns aptos para o corpo, o chan, a lavadora ou a máquina lavalouzas.

Este curso acelerado comezará ás 10.00h. e finalizará ás 14.00h. Os contidos son varios: a definición de xabón, a técnica de elaboración en frío, o manexo da calculadora de saponificación -saponificar é facer xabón, non ten nada que ver cos sapos- , como facer oleatos e tinturas, materias primas, o deseño de receitos, o uso de plantas na fabricación, os colorantes e aromas, a conservación, etc.

O prezo para persoas socias da entidade é de 15€ e de 20 para quen non forme parte dela. Nese prezo van incluídos a sesión teórica de Matilde Ramos, todos os materiais empregados para a práctica, un manual con teoría e receitas e, sobra dicilo, a posibilidade de levar para a casa o xabón que cadaquén elabore ao longo da mañá.

Para apuntarse hai que chamar o antes posible ao teléfono 659.259.960. ConcienciArte é un colectivo que traballa a prol da sustentabilidade e do crecemento persoal, por medio de actividades relacionadas coa saúde, a cultura, a creación e a aprendizaxe. O seu próximo obradoiro ocuparase o sábado 20 de maio pola mañá do coñecemento das distintas plantas silvestres medicinais e comestibles que se poden atopar na zona de Silvalonga. O prezo neste caso será de 10€ para persoas non socias da entidade -as socias de balde- e o teléfono para informarse ou apuntarse é o 656.260.284.