A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a completar melloras do illamento e eficiencia enerxética, logo da substitución das ventás
A Xunta de Galicia está a completar un investimento de preto de 60.000 euros no cambio da cuberta e outras obras no Centro Público Integrado (CPI) Atios de Valdoviño, co que o Goberno galego cumpre co seu compromiso de mellorar paulatinamente o estado dos edificios docentes que conforman o mapa educativo da provincia.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asume o custe dos traballos, que consisten na substitución da cuberta do centro. Tamén estase acometendo a reparación de parte da fachada, buscando con esta actuación a mellora do illamento e da eficiencia enerxética do centro. Este investimento completa outro xa executado co que se cambiaron as ventás exteriores do centro. Na actualidade, 498 alumnos cursan os seus estudos no CPI Atios de Valdoviño, aos que se suman outros 46 que estudan no Colexio Rural Agrupado (CRA) O Esquío.
No pasado ano, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinou 5.246.000 euros a obras de mantemento e mellora dos centros de Educación Infantil, Primaria e Secundaria da provincia da Coruña. En concreto, o orzamento para os colexios de Infantil e Primaria ascende a 3.886.000 euros, mentres que en centros de Secundaria a consellería inviste 1.360.000 euros. A día de hoxe, o 98 por cento destes traballos están xa rematados ou en fase de execución.