Unha vintena de veciños e veciñas de Frades superaron o curso de condutor de carretilla organizado polo Concello de Frades e que os faculta para traballar como operadores de carretilla de manutención ata 10.000 kg. O curso, de 20 horas teóricas e prácticas, foi impartido por Recurso Consultoría & Formación de acordo á Normativa UNE 58451:2016, polo que o alumnado estará capacitado para traballar con carretillas tipo 3 (transpaletas, apiladores…) e tipo 4 (carretillas elevadoras).
O concelleiro de Medio Rural, Manuel Ferreiro Marzoa, felicitou aos alumnos e alumnas polo seu esfrozo, xa que recibirán un diploma acreditativo de ter superado a formación segundo a UNE 58451:2016. Un acto que tivo lugar na Cooperativa Central de Frades, onde tiveron lugar as dez horas de clases prácticas. Unhas clases nas que os alumnos e alumnas traballaron con apiladores e carretillas, coas que practicaron tanto as manobras sen carga como as operacións de carga e carga de camións, o apilado e o retirado de cargas en superficie libre, entre outras.