O Concello elaborou un programa para todos os gustos onde resalta a degustación de troita do domingo 14 de maio, na que tomarán parte 36 establecementos hostaleiros do municipio
O programa deseñado polo Concello de Oroso para a XXI Festa da Troita, que terá lugar do 12 ao 14 de maio, contempla actividades para todos os gustos e idades. “A nosa intención é que todas as persoas que nos visiten se sintan a gusto nestes tres días de festa”, apunta o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, quen explica que “se a Troita é a única da comarca que está declarada Festa de Interese Turístico é porque é algo máis ca unha simple festa gastronómica. Ademais de ter un produto único e uns hostaleiros que saben preparalo como en ningures, a Troita é tamén un evento deportivo, inclúe actividades lúdicas e culturais para todos os públicos e ofrece música e baile coas mellores orquestras de Galicia”.
Así, se o tempo acompaña, o obxectivo é igualar ou mesmo superar os 30.000 visitantes da edición anterior. “Contamos cun programa de festexos atractivo para atraer a un gran número de visitantes”, explica Luís Rey Villaverde, coordinador da Festa da Troita, quen agradece “a colaboración de todos os que fan posible esta festa, desde os grupos folclóricos que nos deleitarán coa súa música, ata os hostaleiros que participan na degustación da troita, pasando por todo o equipo de colaboradores, Protección Civil, Policía Local, Garda Civil e traballadores municipais”.
Un punto no que coincide Manuel Mirás, quen apunta que “cada euro que investimos na Festa da Troita retorna a Oroso multiplicado por dez. O ano pasado atraemos a máis de 30.000 visitantes e iso supón ingresos para os establecementos hostaleiros e comerciais do pobo, ademais de dar a coñecer Oroso por toda Galicia”. Por iso anima a todos os visitantes a participar no acto central da festa: a degustación de troitas, que terá lugar o domingo 14, ás 12:30 horas, nos 36 bares colaboradores e na carpa da alameda de Góis. Unha hora despois, ás 13:30 horas, terá lugar o pregón da festa, que este ano correrá a cargo de María de Lurdes Oliveira Castanheira, presidenta da Cámara Municipal de Góis. Acto seguido procederase a entregar os premios do XXI Concurso de Pesca, que se desenvolverán o sábado no río Tambre (adultos) e o domingo pola mañá no río Carboeiro (infantil).
Programa
A XXI comezará o venres coa primeira das tres verbenas populares convocadas na Alameda de Góis (Sigüeiro), que se converterá durante estes tres días no epicentro das actividades a desenvolver. As orquestras Fania e París de Noia abrirán ás 22:30 horas a XXI Festa da Troita. Para o domingo queda o XXI Campionato de Pesca, que se desenvolverá no río Tambre baixo a modalidade de pesca sen morte, de 9:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Para a mañá do sábado, o Concello ten programados uns obradoiros infantís na praza Isaac Díaz Pardo, así como unha exposición de pintura, “Catro médicos por Oroso”, que poderá visitarse durante a fin de semana no Centro Cultural de Sigüeiro. A música correrá a cargo da Charanga TNT.
Pola tarde continúa a programación infantil coa actuación do mago Teto na praza do Concello (18:00 horas). Ese mesmo lugar acollerá as tradicionais actuacións de Lembranzas do Tambre (19:30 horas) e Néboas no Cumio (20:30 horas), que ás 22:30 horas darán paso á verbena coas orquestras Panorama e Atenas.
O domingo 14, día grande da festa, celebrarase o Campionato de Pesca Infantil no río Carboeiro (de 9:30 a 13:00 horas), cun pasacalles a cargo da Charanga Mekánica e xogos tradicionais para desfrutar en familia da man de Garbato de Xogos na praza Isaac Díaz Pardo, tanto en horario de mañá como de tarde. Tras o pasacalles da agrupación folclórica Buxos Verdes ao mediodía, terá lugar a degustación de troitas nos bares colaboradores e na Alameda de Góis, amenizada coa música da Charanga Mekánica. Tras o mencionado pregón e a entrega de premios, a orquestra Metrópolis protagonizará a sesión vermú.
Ás 14:30 horas terá lugar un xantar popular nunha carpa na alameda de Góis, onde as troitas volverán ser as protagonistas. E, a partir das 19:30 horas, o Combo Dominicano e a orquestra Metrópolis poranlle o broche de ouro á festa. Durante os tres días, nas rúas de Sigüeiro haberá instalados distintos postos de venda de todo tipo de produtos, así como atraccións de feira para todos os nenos e nenas que se acheguen.