Friday 22 de November de 2024

Éxito organizativo de Brío no seu terceiro torneo de ximnasia rítmica


Éxito rotundo do III Torneo Brío de ximnasia rítmica que se disputou durante a xornada do sábado no pavillón municipal. Por varias razóns: a calidade das exhibicións, a organización -louvada por público e equipos- e pola grande cantidade de público que asistiu ao evento, que xuntou 25 equipos de toda Galicia e case medio milleiro de deportistas. Todo un reto loxístico superado con nota pola asociación e o club deportivo Brío, que continúa desta maneira fomentando o crecemento da rítmica e do baile moderno tanto en San Sadurniño como no resto da comarca.

Nas redes sociais, as entidades organizadoras expresaban a súa satisfacción co resultado dun torneo que, malia contar con só tres edicións “xa é un dos eventos deportivos máis importantes que se celebran no noso concello”. De feito, se en 2015 -ano do primeiro torneo- se reuniron 90 participantes, neste 2017 o número aproximouse a 500. Unha cifra que dá conta da dimensión do evento e idea do traballo organizativo que require durante meses.

O torneo comezou puntual, ás 10.00h., para desenvolver durante a mañá as competicións nas categorías adscritas a escolar. Xa pola tarde celebráronse os apartados de promoción e de base, que finalizaron arredor das 20.00h. Ademais, entre as probas tamén houbo varias exhibicións de danza que completaron unha xornada en que o pavillón polideportivo foi un constante ir e vir de xente, coas bancadas cheas en todo momento. Neste sentido, o torneo trascendeu a actividade do recinto repercutindo ademais na hostalaría dos arredores.

O club e maila asociación Brío mostraron o seu agradecemento a través das redes sociais “aos patrocinadores e colaboradores, aos pais e nais, ás adestradoras e coreógrafas, a todos os clubs participantes e a todos os que dunha ou doutra maneira colaboraron para que este III Torneo saíra adiante”.

Estas entidades tamén felicitaron “a todos os participantes”, cunha mención especial para a rapazada dos seus equipos “que nos fixeron disfrutar e emocionarnos cos seus exercicios e coreografías”, engadindo un “para a próxima…máis e mellor”, que resume o seu compromiso de continuar traballando a prol da rítmica e da danza no municipio e no resto da comarca, onde xa son un referente en formación e competición.

O evento contou coa colaboración do Concello de San Sadurniño, a Deputación da Coruña e varias firmas comerciais de dentro e fóra do concello. Algunhas imaxes e outra información sobre o torneo poden verse na páxina en facebook de Brío.