Expertos de distintos ámbitos acudiron ao novo mercado
Un workshop celebrado na última planta do mercado municipal de Riveira serviu para dar a coñecer a un amplo espectro de axentes e expertos de diferentes ámbitos os progresos alcanzados ata o momento no programa de investigación sobre a Ría de Arousa que dende o ano pasado vén impulsando o arquitecto británico David Chipperfield.
Cómpre sinalar que dende este mes de marzo cinco arquitectos baixo a supervisión de David Chipperfield e coa colaboración das diferentes oficinas de David Chipperfield Architects, implantáronse en Riveira para reanudar o traballo efectuado nunha segunda etapa que xa está a render os primeiros resultados.
No día de hoxe, responsables autonómicos como Encarnación Rivas, directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta; ou Carmen Pita, directora de Promoción de Turismo de Galicia; o alcalde Manuel Ruiz; Rosa Carballo, xerente do GALP 5; Xaquín Rubido, portavoz da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa; os patróns maiores José Antonio Santamaría (Aguiño) e José Antonio Pérez (Riveira); ou arquitectos como Pablo Gallego Picard, profesor da Escola de Arquitectura da Coruña; foron algúns dos asistentes a esta sesión na que se pretendeu propiciar a análise en torno ao estudo realizado e sentar as bases para o futuro. Así, esta iniciativa pretende axudar á reflexión sobre o territorio e dialogar coas diferentes administracións, organizacións sectoriais, industriais, universidades, colectivos e asociacións sobre os pasos a dar no futuro.
A este respecto, David Chipperfield, quen asegurou aínda non sabe onde lles vai levar esta investigación, enfatizou a necesidade non só de protexer o entorno natural senón tamén de planificar o desenvolvemento do territorio de forma sostible, ao contrario do vivido nestas últimas décadas nas que moitas veces por criterios puramente especulativos se perdeu a harmonía entre o entorno construído e o natural.
O estudo realizado detectou unha serie de factores a ter en conta á hora radiografar a situación actual, tales como a separación dos núcleos urbanos e o mar polo chan controlado por Portos de Galicia; a incidencia da estrada AC-305 que dunha sinxelo rúa para conectar os pobos pasou a día de hoxe a ser unha estrada de tráfico intenso que chega a dividir moitos núcleos de poboación pola metade; ou o estado deficiente de moitas vivendas e enclaves tradicionais coa perda de patrimonio que isto significa.
Exemplo de Santa Uxía
Boa parte da exposición xirou en torno á cidade de Santa Uxía como modelo de estudo, no que se verifican os fenómenos apuntados e en especial a incidencia da área de Portos na vida da cidade (cunha área da súa competencia que transcende mesmo os límites marcados polo muro do peirao), ademais da presenza de edificios históricos ruinosos ou tapiados en lugares como a rúa Galicia ou a praza de Teruel, o que evidencia a necesidade de contar con ferramentas legais adecuadas para atallar esta deficiencia.
Co fin de contribuír ao desenvolvemento sostible de Arousa Norte, o equipo liderado por David Chipperfield proseguirá ata o mes de xullo as súas investigacións. A intención da iniciativa en último termo é crear unha fundación como ferramenta legal para o desenvolvemento das accións necesarias para contribuír á rexeneración dos entornos urbanos en relación co mar.