Solicita a colaboración veciñal para dar cos autores dos desperfectos
O Concello de Frades presentará unha denuncia diante da Garda Civil polos actos vandálicos cometidos nas últimas horas contra a sinalización das estradas e localizacións turísticas do municipio. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que “dende o Concello xa puxemos en coñecemento da Garda Civil os actos vandálicos levados a cabo contra a sinalización das nosas estradas. Nestes momentos estamos a revisar todas as estradas para detectar e valorar todos os danos sufridos para poñer a correspondente denuncia”.
Nunha primeira visual, os técnicos do Concello de Frades puideron comprobar que os danos afectan sobre todo á sinalización turística e das rutas de sendeirismo, pois os grandes paneis en madeira que indicaban os camiños con mapas e fotos do mesmo foron derrubados e destrozados. Tamén se ten apreciado o derrubo ou rotura de sinalización de localidades do municipio e enclaves municipais, como o novo punto limpo compartido con Mesía.
Así mesmo, os técnicos tamén teñen detectado a caída dalgún sinal vertical de tráfico, o que supón un grave risco para a seguridade viaria. Por este motivo, persoal do Concello de Frades está a revisar hoxe todas as estradas do municipio “para facer un inventario de todo o municipio, repoñer aquelas que teñan que ver co tráfico e tamén para poñer a correspondente denuncia”, apunta Roberto Rey, quen fai tamén un chamamento a colaboración veciñal para ver de dar cos autores dos desperfectos.