Saturday 16 de November de 2024

O Centro Integrado de FP Paseo das Pontes acolleu o segundo encontro especializado para difundir os estudos de hostalaría


Esta iniciativa inclúe mesas redondas, unha mostra práctica do labor dos alumnos, show cooking, coitelería, aperitivos ou acomodación de invitados

O CIFP Paseo das Pontes acolleu unha nova xornada do programa Formados e Profesionais. FP Hostalería, que se está a levar a cabo nos oito centros que integran á Rede Galega de FP de Hostalaría, e que ten como principal finalidade dar a coñecer o traballo desenvolto por docentes e alumnado no eido deste ensino, mediante as oportunidades que ofrecen as novas canles informativas como a internet e os blogues especializados.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o director xeral Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira,participaron na xornada, na que ao longo de toda a mañá tiveron lugar unha serie de charlas, mesas redondas e demostracións de cociña e de aloxamento, que congregou a blogueiros, medios informativos especializados no ámbito da restauración e medios xeneralistas. Trátase dunha iniciativa innovadora que se pon en marcha da man da Administración e dos propios centros de FP de Hostalería, co obxectivo de mostrar e divulgar o nivel de calidade e a esixencia formativa que hai detrás dos ensinos de Formación Profesional da familia da Hostalaría e Turismo, con centros que son referentes a nivel internacional.

Alta inserción laboral
O delegado e o director xeral coincidiron en subliñar a aposta do Goberno galego pola calidade docente, con profesionais cualificados e con capacidade de inserirse no mundo laboral. Esta tendencia está constatada polos últimos datos de empregabilidade, que sitúan a inserción medida da familia de Hostalaría e turismo no 73,2%; mentres que nos ciclos de cociña e gastronomía acada o 71,1%, o 81% en Dirección de cociña, case o 82% nos Servizos en restauración, e o 100% en Dirección de servizos en restauración.

Para Ovidio Rodeiro, os ciclos de FP de Hostalaría en Galicia “son unha garantía de excelencia que hai que seguir mantendo e potenciando, e na que xogan un papel fundamental os mestres a través da súa implicación; así como os propios alumnos, que están contribuíndo a dignificar a profesión”.

Pola súa banda, Manuel Corredoira sinalou que “este encontro contribúe a prestixiar a difusión dos ciclos como unha vía formativa de calidade, no marco dunha FP que aporta innovación, oportunidades de emprego, e tecnificación dos sectores produtivos, é dicir, unha FP que contribúe a facer a economía galega máis competitiva”. O director xeral salientou que este programa promove unha cooperación proveitosa entre educación e gastronomía, “ao tempo se potencian os recursos gastronómicos galegos desde o sistema educativo.

Esta iniciativa, que arrancou no IES de Vilamarín (Ourense) o pasado 27 de abril, desenvolverase, logo da Coruña, de xeito secuencial ata finais de curso en seis centros máis da Rede: Os CIFPCompostela (Santiago), Carlos Oroza (Pontevedra) e Manuel Antonio (Vigo); e os IES Fragas do Eume (Pontedeume),Foz, e Sanxillao (Lugo).

En todos eles ofrecerase un almorzo, un aperitivo e unha comida elaborada polo alumnado do centro, farase un percorrido guiado e realizarase un coloquio entre todos os participantes na sesión. Ademais, haberá un show cooking a cargo dun chef, que podería ser incluso un exalumno do propio centro no que se desenvolva. Búscase amosar as instalacións e recursos que teñen os principais centros de FP galegos de Hostalaría, que se fai neles e, da man dos chefs convidados, a onde se pode chegar tras cursar estes estudos.

Este proxecto pioneiro conta, ademais, cun sitio web (http://www.edu.xunta.es/fp/rede-fp-hostalaria) no que se ofrece información e orientación sobre os centros da Rede, creada en 2014, a súa oferta formativa e o conxunto de servizos que se brindan ás empresas. Para a propia comunidade educativa o web serve como punto de acceso único ás ofertas de emprego, ao emprendemento ou as mobilidades. O obxectivo é achegar a FP á empresa, dando resposta ás demandas do sector e transferíndolle o coñecemento adquirido en centros innovadores.