Friday 22 de November de 2024

Teatro, recitais, maxia, documentais, música e coloquios sobre Carlos Casares conforman a XXVII Feira do Libro do Concello de Brión


Oito das doce actividades programadas están dirixidas aos preto de setecentos nenos e nenas dos centros educativos de Brión, entre as que destaca unha gran Festa das Letras na carballeira de Santa Minia

O Concello de Brión vén de presentar o programa da XXVII Feira do Libro de Brión, que inclúe unha ducia de actividades gratuítas para conmemorar o mes das Letras Galegas 2017, dedicadas á figura de Carlos Casares. Unha programación que se desenvolverá do 8 ao 31 de maio e que inclúe unha ducia de representacións teatrais, recitais de poesía, proxección de documentais, actuacións de música, maxia e charlas coloquio nas que participarán todos e cada un dos nenos e nenas escolarizados no municipio.

Porén, a programación tamén inclúe catro actividades abertas a toda a veciñanza. A primeira delas terá lugar o próximo venres 12 de maio, ás 18:00 horas, na sala de exposicións de Brión co contacontos “Contos de Primavera”, de Celtia Figueiras. Unha actividade dirixida a un público infantil, de 3 a 9 anos. Un día despois, o sábado 13 de maio, Teatro Andaravía porá en escena a obra “Maniféstate”. A actuación será no centro social polivalente, ás 20:30 horas. Entrada libre e de balde.

Noite en branco

Así mesmo, o venres 19 de maio terá lugar unha nova edición da “Noite en Branco” da Escola Municipal de Música Magariños de Brión. Así, entre as 22:00 e as 0:00 horas o alumnado da ESMU Magariños ofrecerá cinco concertos abertos á cidadanía noutros tantos espazos públicos: “Lento” (Aula 2 da Escola de Música), “Adagio” (Biblioteca), “Moderato” (sala de exposicións), “Allegro” (salón de plenos) e “Presstísimo” (centro social polivalente).

Finalmente, o sábado 27 de maio celebrarase a III Andaina Terras de Altamira, que logo dun ano de parón volven á carga cunha oferta de tres andainas polo municipio de Brión con saída/chegada na Carballeira de Santa Minia. Deste xeito, cadaquén pode anotarse nunha andaina (14 kms), dúas (36 kms) ou tres (50 kms). Como novidade, a andaina está incluída no calendario da Federación Galega de Montañismo e puntuará para a Copa Galega de Andainas de 50 kms. Inscricións no blog http://andainaterrasdealtamira.blogspot.com.es/.

Programación para os escolares

No que atinxe á programación dirixida exclusivamente ao alumnado do colexio, das unitarias e do instituto briones, todas as actuacións terán lugar no auditorio do centro social polivalente, salvo a Festa das Letras. Unhas actividades que o Concello de Brión programou tendo en conta a idade dos rapaces e rapazas, polo que cada franxa de idade terá a súa actuación diferenciada, pero sempre coa figura de Carlos Casares como referente.

O programa comeza o luns 8 de maio, ás 11:20 horas, cun recital dramatizado de Serafín Marco sobre textos de Carlos Casares, dirixida a alumnado de primeiro ciclo de secundaria do IES de Brión. O luns 15 de maio, Fran Rey porá en escea “A Galiña Azul”, de Carlos Casares”, para alumnado de 2º e 3º de Primaria do CEIP de Pedrouzos, polo que fará dous pases: ás 10:30 e ás 12:15 horas.

O martes 16 de maio terá lugar o acto central da Feira do Libro: a gran Festa das Letras na Carballeira de Santa Minia. Unha gran festa en torno á figura do escritor ourensán e que incluirá poesía, música, baile e canto tradicional. Será a actividade máis concorrida, pois participarán todos os escolares do municipio, preto de setecentos: CEIP de Pedrouzos, escolas unitarias e IES Brión.

O xoves 18 de maio, ás 13:00 horas, Antón Riveiro Coello dirixirá unha charla-coloquio sobre Carlos Casares co alumnado do IES de Brión. Un día despois, o venres 19 de maio proxectarase o documental “Contando a Carlos Casares”, ás 11:20 horas para alumnado do segundo ciclo de secundaria do IES Brión. O luns 22 de maio, ás 12:30 horas, o mago Martín Camiña presentará “A maxia de Carlos Casares”, para alumnado de primeiro ciclo de primaria do CEIP de Pedrouzos.

Os dous últimos actos do programa están dirixidos aos máis pequenos do municipio. Así, o mércores 24 de maio, o alumnado de infantil do CEIP de Pedrouzos e das Escolas de Luaña, Os Ánxeles e Bastavales asistirán á peza teatral “A miña primeira viaxe”, a cargo de Xarope Tulú. Teatro da Semente pechará o programa con “Chíos”, un espectáculo para nenos e nenas da gardería municipal de Brión. Ambas actuacións terán lugar ás 10:30 horas.

Narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002) é unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX. Un intelectual que máis alá do seu talento literario implicouse activamente na vida cultural, política, social e institucional de Galicia, amosando un compromiso inquebrantables coa nosa lingua.