A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o alcalde de Tordoia asinaron o convenio de colaboración que permite a execución desta actuación, enmarcada no Plan hUrbe
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio levará a cabo este mesmo ano unha actuación que garantirá un acceso seguro na contorna da Igrexa de Viladabade, no Concello de Tordoia. Así o acordaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, coa sinatura dun convenio de colaboración que permite a licitación das obras, enmarcadas no Plan hUrbe e que implican un orzamento de máis de 50.000 euros.
A conselleira recordou que unha das finalidades do Plan hUrbe é mellorar e promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos rurais, polo que esta actuación é acorde a este obxectivo. Para dar resposta a este reto, será necesario a construción de 80 metros lineais de beirarrúa con bordo de formigón e a construción de dous muros para a contención de terras, previa cimentación.
Esta actuación tamén integrará a canalización e instalación de tubaxe e de dous pozos de rexistro con sumidoiros para a recollida de augas pluviais, polo que -segundo explicou a conselleira- non é tan só unha actuación de mellora da contorna; senón que tamén implica a mellora das infraestruturas hidráulicas para evitar as achegas e os aportes á rede e a contaminación ao medio.
Os traballos rematarán coa instalación de iluminación pública e o mobiliario urbano.
Esta actuación vén a poñer de manifesto os esforzos do Goberno galego por mellorar as vilas galegas; xa que no presente exercicio executaranse 15 actuacións en senllos concellos, o que se traduce nun orzamento de case tres millón de euros.
A conselleira de Medio Ambiente recordou que, desde o ano 2010, o investimento realizado na provincia da Coruña a través do Plan hUrbe ascende a case 40 millóns de euros, que permitiron financiar 33 actuacións en 27 concellos; que no conxunto de Galicia elévase a 123 millóns de euros, para facer realidade 157 actuacións en 114 concellos galegos.
Por último, destacou que este plan ten un triplo obxectivo, fomentar a humanización das vilas de Galicia, favorecer a cooperación da Administración autonómica e os concellos e promover o reequilibrio territorial na nosa Comunidade, coa recuperación de espazos públicos.