O homenaxeado co gallo das Letras Galegas deste ano é Carlos Casares. Novelista, autor de contos e pioneiro do teatro infantil en galego, ensaísta, biógrafo doutros autores, director editorial, columnista, parlamentario… En Casares móstranse múltiples facetas literarias e do activismo sociocultural que o converten nunha figura clave para a cultura galega. De aí que a Real Academia Galega o elixise para o 17 de maio deste ano e que o Concello preparase unha pequena programación específica que axude a coñecer mellor a obra, a vida e a dimensión deste escritor. Unha programación que se complementa coa exposición “Crónicas da represión lingüística. 1936…” que se pode visitar na Casa do Concello e co I Encontro infantil de Cantares tradicionais organizado por O Castelo de Narahío.
Nado en Ourense en 1941, Casares cursou estudos de Filosofía e Letras en Compostela, onde entrou en contacto coa mocidade galeguista universitaria nucleada arredor de Ramón Piñeiro e onde tamén percibiría a lixeira brisa daquela treboada que sacudiu Europa no maio do 68. Unha época na que xurdiría o Carlos Casares escritor.
Foi mestre que tivo non poucos problemas nos estertores do franquismo por mor do seu activismo político e cultural. Estudoso da lingua e dos referentes da lingua -foi biógrafo de Vicente Risco e Otero Pedrayo-, ensaísta e, por riba de todo, columnista e novelista, con obras tan coñecidas como “Ilustrísima”, “Xoguetes para un tempo prohibido” -Premio da Crítica Española-, “Os escuros soños de Clío” ou “Os mortos daquel verán”, entre outros. A el atribúeselle a estrea do teatro infantil en galego coa escritura de “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”.
Morreu novo -ía para 61 anos- e tras de si deixou unha obra literaria extensa e un intenso traballo de compromiso coa cultura e a fala como tradutor, como membro do primeiro Parlamento Galego e como máximo responsable da editorial Galaxia.
Para lembrar a figura de Casares e o seu legado, o Concello programou varios actos cos que descubrir a súa verdadeira dimensión cultural.
Martes 16 de maio, 10.00h., Casa da Cultura: “Os contos de Toribio”
Carlos Casares adiantouse xa en 1991 á tendencia das sagas de contos infantís coas historias protagonizadas por Toribio, un neno de oito anos cun enxeño fóra do común. Cheas de humor e imaxinación e marcadas polos fabulosos inventos do seu personaxe principal, as historias, sempre didácticas, reflicten unha das facetas da personalidade do autor: a fascinación pola tecnoloxía. O actor e cómico Pedro Brandariz é o encargado de levalas á escena nun formato que serve para gozar co personaxe e tamén para coñecer ao seu autor. Á obra asistirá o alumnado do CPI de entre 3 e 10 anos.
Martes 16 de maio, 12.15h., Casa da Cultura: “O gran xogo das Letras Galegas”
A través deste divertido xogo por equipos, os nenos e nenas participantes coñecerán algo máis sobre a orixe e o significado do Día das Letras Galegas, así como dos autores homenaxeados ata o momento, incluído Carlos Casares. Trátase dunha actividade ofrecida por Eduvía, vías para a educación e vai dirixida á rapazada de 6º de primaria do CPI.
Mércores 17 de maio, 19.00h., Casa da Cultura: Proxección do documental “Contando a Carlos Casares”
Gonzalo Veloso -un dos participantes na edición de 2015 do encontro audiovisual Chanfaina Lab- trae á Casa da Cultura a súa visión documental sobre a figura de Carlos Casares. Botando man da conversa con amizades e persoas que tiveron relación con el a través da política e a literatura, o realizador reconstrúe a figura do autor buscando a persoa a través da súa metodoloxía de traballo, das motivacións e paixóns que permitan coñecelo como editor, como político e como axente cultural.
Xoves 18 de maio, 19.30h., Casa da Cultura: Conferencia “Carlos Casares e a xeración dos 60”, de Xesús López Valcárcel
Charla na que nos aproximaremos a Casares a través da análise da súa escritura e da expresión xeral da súa obra. Tal e como apunta o poñente, Xesús López Valcárcel, “Casares transmite co ton, escolle a voz activa, con algunha referencia temporal case sempre imprecisa… ou ás súas amizades e experiencias, cunha linguaxe directa, sen adxectivos, para poñer en situación ao receptor”.
A conferencia chega da man do programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia. Inicialmente estaba prevista para o venres 19 -e así se publicou no boletín Novas-, pero un cambio na axenda do poñente obrigou ao Concello a adiantala un día.
Do 2 ao 22 de maio, galería da Casa do Concello: Crónicas da represión lingüística. Galicia, 1936…
As Crónicas da represión lingüística móstranse nun conxunto de paneis preparados polo documentalista audiovisual Xan Leira, que ten no seu haber case unha vintena de pezas relacionadas co galeguismo cultural e político. Neste caso recupera as vivencias das persoas que pasaron a traxedia do golpe de estado fascista do 36 e reflexiona sobre as consecuencias que tivo este episodio para elas e para o conxunto da sociedade, nomeadamente a través da represión sistemática da lingua e a cultura. O horario de visita da mostra é de 8.30 a 14.30h. de luns a venres agás festivos.
Sábado 13 de maio, 18.30h., local social da Veiga (Naraío): I Encontro infantil de Cantares tradicionais
A asociación veciñal O Castelo de Naraío programou co gallo das Letras Galegas un evento que pon en valor a oralidade e a música tradicional como vehículos de transmisión e difusión da cultura.
En colaboración coa Rapazada do Saíme -o grupo vocal de nenas e nenos nacido nas escolas municipais de música tradicional- a asociación ofrecerá un encontro no que tamén participarán formacións infantís do Padroado da Cultura do Concello de Narón e da agrupación folclórica Airiños dos Carrís, de Cerdido.