O Camiño de Santiago e a Gran Senda están conectados a través do Camiño Mozárabe de Santiago, que tradicionalmente uniu as provincias andaluzas coa capital de Galicia
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Deputación de Málaga, Elías Bendodo, analizaron fórmulas de promoción conxunta da Gran Senda e o Camiño de Santiago a través do turismo activo.
Durante unha xuntanza mantida esta tarde, Feijóo e Bendodo avaliaron ambas as dúas rutas desde a perspectiva da promoción turística e do seu alcance económico, un factor chave para a reactivación das localidades e comunidades polas que discorren.
Con esta perspectiva, e tomando como exemplo a extensa traxectoria do Camiño de Santiago, o presidente da Deputación de Málaga trasladoulle ao responsable do Goberno galego as fortalezas da Gran Senda de Málaga –unha ruta pioneira en Andalucía, cun alto valor paisaxístico e que percorre 650 quilómetros da provincia- que a situaron en poucos meses como un dos principais reclamos de turismo activo da Costa do Sol. Non en van, na última edición do World Travel Market, esta ruta, xunto coa Senda Litoral e o Caminito del Rey, converteuse en protagonista do turismo de interior e activo e espertou en Londres o interese de operadores do Reino Unido especializados neste segmento.
Ambos os dous mandatarios valoraron a importancia do irmandamento entre o Camiño de Santiago e a Gran Senda, considerándoo como unha ferramenta fundamental para incidir nun dos retos máis relevantes que ten por diante o turismo da Costa do Sol como é a mellora da xestión da estacionalidade, xa que durante os meses máis tranquilos en canto a número de visitantes, entre outubro e abril, é cando máis incidencia terán as fórmulas de promoción conxunta que se están a estudar.
Cómpre salientar tamén que o Camiño de Santiago e a Gran Senda están conectados a través do Camiño Mozárabe de Santiago, que tradicionalmente uniu as provincias andaluzas coa capital de Galicia.