Terceira proba da Liga Galega de Percorrido de Bosque 3D
Uns 90 arqueiros van participar o vindeiro 20 de maio no parque periurbano de San Roque na Primeira Tirada Concello de Riveira: terceira de cinco probas incluídas na Liga Galega de Percorrido de Bosque 3D.
A presentación contou esta mañá coas intervencións de Alejandro Cadabal, presidente de Arqueiros do Barbanza, que é a entidade organizadora da proba; e mais de Anxo Orellán, concelleiro de Deportes.
A cita constará de tres categorías: sub-14, arco espido ou instintivo e arco de poleas, cada unha a distintas distancias que non se saberán ata o momento da proba.
Segundo explicou Cadabal, o percorrido consta de 24 dianas diseminadas polo parque e que están formadas por simulacións de animais feitas en espuma. Cada arqueiro participante (procederán de toda Galicia e tamén algún de Asturias) disporá dun tempo máximo de dous minutos para lanzar dúas frechas en cada estación.
Durante o desenvolvemento da proba, a área do torneo permanecerá acotada por seguridade e non se poderá entrar sen permiso. De todos os xeitos, Cadabal explicou que si se poderá acceder a algúns puntos do periurbano como o entorno da cafetería e que mentres non se estea a desenvolver a competición a organización estará encantada de satisfacer calquera consulta ou dúbida en relación a este deporte en auxe e mesmo introducir aos curiosos no mesmo.
Ás 15 horas terá lugar a recepción dos arqueiros e arqueiras e o comezo da competición está prevista para as 16 horas (entrega de trofeos: 19 horas).
Cadabal tamén manifestou que a intención é que en posteriores edicións se amplíen o número de participantes na tirada. Arqueiros do Barbanza, que naceu en 2014, conta con 30 socios federados. O deporte do tiro con arco leva sobre década e media implantado na comarca, se ben esta modalidade de bosque 3D arraigou fai 6 anos.
A organización quixo dar ás grazas a Concello de Riveira, Policía Local e Protección Civil pola súa colaboración.
Anxo Orellán salientou o bo momento do deporte no municipio con tantas especialidades que se están a practicar.