Friday 22 de November de 2024

Os maiores de Riveira poderán percorrer Madrid e arredores nunha saída cultural organizada polos Servizos Sociais


A viaxe está organizada para entre o 30 de maio e 30 de xuño

O Concello de Riveira acaba de programar unha nova saída cultural para os maiores de Riveira. Enmarcada dentro do Programa de Dinamización e Promoción Social dos Nosos Maiores do Departamento de Servizos Sociais Comunitarios, nesta ocasión a viaxe terá Madrid e os seus arredores como destino e celebrarase do 30 de maio ao 3 de xuño.

Ademais da capital de España, o itinerario inclúe visitas a Segovia, Aranjuez, Toledo, León ou Alcalá de Henares. No transcurso da saída os participantes terán a oportunidade de asistir entre outras interesantes ofertas a unha obra de teatro e visitar monumentos como o Palacio Real de Aranjuez.

Cofinanciado polo Concello, o custe para cada participante será de 360 euros. Inclúe estancia durante catro noites en hotel de catro estrelas en Madrid, autocar, almorzos en restaurante, seguro de viaxe e guías entre outros conceptos.

Inscricións
O prazo para anotarse comeza o luns e remata o 19 de maio. Os interesados poden dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais (edificio Miradoiro de Padín / teléfono 981 874 131).

Esta acción incardínase nun dos obxectivos da Concellería de Servizos Sociais como é poñer en práctica políticas de promoción de vida saudable entre as persoas maiores e ampliar os seus coñecementos culturais e favorecer a súa integración social.