A OBRA, QUE TAMÉN CONTEMPLA A REPOSICIÓN DE PAVIMENTOS, TEN UN ORZAMENTO SUPERIOR AOS 145.000 EUROS E SOLUCIONARÁ PROBLEMAS DE INUNDACIÓNS
O Concello de Riveira vén de aprobar hoxe en xunta de goberno local unha nova actuación consistente na renovación das liñas de saneamento e reposición de pavimentos das rúas Delicias e Dunas en Corrubedo.
O seu orzamento de licitación é de 145.605,28 euros e o prazo de execución de catro meses. Está incluída no Plan de Acción Social da Deputación.
A decisión de emprender esta obra está motivada porque as acometidas das augas residuais das vivendas situadas en rúa Delicias están conectadas a un colector de formigón no medio da calzada polo que descorren conxuntamente fecais e pluviais. Esta tubaxe conta con pouca pendente e o seu diámetro non é suficiente para evacuar todo o caudal que chega en tempada de chuviais, producíndose con frecuencia inundacións na zona. Ademais, o pavimento de aglomerado está bastante deteriorado, con asentamentos apreciables.
Por outra parte, na rúa Dunas non existe rede separativa de xeito que fecais e pluviais se recollen nun antigo colector de formigón que descorre polo centro da rúa.
Ademais, ambos colectores conéctanse cun emisario situado na praia das Furnas, co que se fai preciso conectar as augas residuais ao colector de PVC conducente á nova EDAR de Corrubedo para eliminar estes vertidos.
A tal efecto, resulta necesario instalar unha nova línea de saneamento cun bombeo en rúa Dunas e realizar todas as acometidas de augas residuais da rúa Delicias a este colector de PVC, executando ademais dous novos tramos. Os colectores de formigón actuais manteranse como liñas de pluviais.
En total, as instalacións proxectadas son:
• Fecais
o 164 metros de tubaxe de PVC SN4 compacto de 250 milímetros de diámetro
o 137,50 metros de tubaxe de PVC SN4 compacto de 315 milímetros
o 35 metros de tubaxe de polietileno de 90 milímetros
o 19 pozos de rexistro
o 58 unidades de acometidas domiciliarias
o 2 bombas sumerxibles
• Pluviais:
o 22 metros de tubaxe PVC SN8 corrugado de 315 milímetros
o 7 pozos de rexistro
Polo que se refire aos pavimentos, aglomerarase todo o ancho da calzada cunha capa de mestura bituminosa en quente, en tanto que as zonas onde sexa necesario demoler baldosa hidráulica unicamente se procederá á súa reposición.
A obra executarase por tramos para minimizar as molestias aos veciños.