O proxecto está orzamentado en 125.711 euros e contará cun 80% de finanzamento provincial
O Perfil de Contratante do Concello publicou hai uns días o procedemento aberto de contratación con multiplicidade de criterios das obras de aglomerado e formación de beirarrúas no camiño do Enxerto, no núcleo urbano de San Sadurniño. O contrato ten un prezo de saída algo superior aos 125.000 euros, financiados nun 80% con fondos xestionados pola Deputación da Coruña, mentres que o prazo de execución máximo das obras está fixado en tres meses. O camiño do Enxerto é unha vía que discorre case paralela á avenida Marqués de Figueroa e que levaba tempo agardando para ser urbanizada. Con este proxecto o Concello vai canalizar as augas pluviais, construír beirarrúas e botar aglomerado sobre unha distancia total de 900 metros, desde a capela do Belén ata a conexión coa AC-862 no lugar do Outeiro.
Segundo o proxecto, os traballos consistirán en primeiro lugar na limpeza das cunetas para colocar tubos de drenaxe da auga da choiva, sobre os que despois se construirá unha beirarrúa de 1,30m. de ancho ao longo de 865 metros, na súa maior parte pola marxe esquerda da pista.
As obras de urbanización finalizarán cun novo pavimento de aglomerado asfáltico co que, ademais, se procurará darlle a todo o traxecto un ancho uniforme de 4,7m.
Tal e como sinala o titular de Obras, Manolo Beceiro, o que se busca é “completar a dotación de beirarrúas e aglomerado da trama máis urbana de San Sadurniño intervindo nunha zona que levaba tempo agardando por estas melloras”.
O custe total da infraestrutura está cifrado no proxecto en 125.711,93€, ive incluído. Unha contía que seguramente se vexa reducida ao remate do proceso de licitación e que será asumida nun 80% pola Deputación da Coruña en virtude dun convenio suscrito co Concello a finais do ano pasado.
O contrato adxudicarase mediante procedemento aberto con multiplicidade de criterios. Todos os pregos están dispoñibles desde hai uns días no Perfil de Contratante do Concello e o prazo para presentar propostas finaliza o día 22 de maio.