Friday 22 de November de 2024

Concello e usuarios de Xarás emprázanse a unha nova reunión este mes para perfilar os estatutos da comunidade de propietarios


Coa participación dunha vintena de usuarios do polígono de Xarás, o salón de plenos deu cabida onte pola tarde a unha reunión co fin de analizar distintos aspectos relacionados con esta área industrial.

A xuntanza foi convocada polo Concello a instancias do presidente da Asociación de Empresarios, Antonio Miranda, e contou coa participación deste último e do alcalde Manuel Ruiz. Dende o Executivo local se expresou a necesidade de constituír unha comunidade de propietarios xa que o de Riveira é un dos poucos polígonos galegos que non conta con esta figura: algo que se considera crucial para defender os intereses comúns dos seus usuarios ao tempo que o Concello –que tamén é propietario no polígono– disporá así dun interlocutor válido co que dialogar sobre asuntos como os aparcamentos, a seguridade, a regulación de tráfico e outros, cuestións todas elas que tamén foron abordadas onte.

Durante a reunión subministrouse aos participantes un primeiro borrador de estatutos para a súa análise. A intención é manter unha nova reunión este mesmo mes para seguir perfilándoo e ir avanzando cara a creación desa comunidade de propietarios.

Ampliación do chan industrial
Noutra orde de cousas, o alcalde informou aos asistentes das distintas alternativas estudadas cara a ampliación do chan industrial no municipio e a que parece máis viable segundo o criterio dos redactores do estudo: uns terreos localizados en A Carballa – Cudieiros que permitirían unha primeira fase de 196.600 cadrados (125.400 para parcelas privadas) e unha segunda de 311.700 ata sumar un total de 211.500 metros para parcelas privadas.