Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño e a Xefatura provincial de Tráfico ofrecen unha charla sobre a seguridade dos bebés no coche


¿Onde deben ir os nenos e nenas máis pequeniñas cando van no coche, diante ou detrás?, ¿no sentido da marcha ou ao revés?, ¿que tipo de cadeira é a mellor e como debe colocarse?, ¿ata que anos deben ir nela?, ¿que precaucións debemos tomar na condución…? A esta e outras preguntas quéreselles dar resposta cunha charla que se desenvolverá o próximo mércores día 10 na Casa da Cultura, impartida por persoal da Xefatura Provincial de Tráfico. Máis que unha charla será un obradoiro aberto á participación de familias con criaturas menores de 4 anos e interesadas nunha cuestión sobre a que aínda hoxe hai moito descoñecemento malia ser de vital importancia. Iso si, para que o obradoiro saia adiante é necesario que haxa alomenos 10 persoas inscritas. Por iso cómpre apuntarse o antes posible chamando ao 981 490 027 ext.1 ou mandándolle un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal

A charla está organizada polo departamento de Servizos Sociais e Igualdade dentro do programa socioeducativo Espazos das familias que nesta ocasión se abre ao público en xeral para falar da seguridade das crianzas menores de 4 anos cando van en coche.

Na sesión abordaranse, principalmente, cuestións relacionadas coa regulamentación das cadeiras infantís e outros dispositivos de transporte de bebés, como os canastros ou maxicosis. Cómpre ter en conta que desde outubro de 2015 están en vigor normas novas ao respecto, como a obriga de que as criaturas vaian en cadeira ata que midan máis de 1,35 e sempre nas prazas traseiras -a menos que xa estean ocupadas por dispositivos de retención infantil-, que as cadeiras do Grupo 0 ou Grupo 0+ deben ir no sentido contrario da marcha e que é fundamental escoller un sistema de retención axeitado á idade e altura do neno ou nena.

Non atender a estas e outras recomendacións pode supor unha multa. Pero o máis importante é que, en caso de accidente, un uso correcto dos sistemas de retención infantil reduce as mortes nun 75% e as lesións nun 90%.

De impartir o obradoiro encargarase persoal especializado da Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña, aínda que será necesario xuntar un número mínimo de asistentes para non ter que suspendelo. Para obter máis información ou para inscribirse directamente hai que chamar ao 981 490 027 (ext. 1) ou remitir un correo electrónico a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.