Tuesday 03 de December de 2024

O Concello de San Sadurniño leva a pleno este sábado a exposición pública do inventario de bens municipais


As concelleiras e concelleiros da corporación están convocados para este sábado ás 11.30h. á sesión ordinaria do pleno municipal, que incorpora un total de nove puntos. Varios deles son cuestións de trámite, pero hai alomenos dous que teñen certo calado institucional. O primeiro será o chamamento para a toma de posesión da concelleira electa Cristina Calvo Tuimil dentro do grupo municipal do Partido Popular trala renuncia de Silvia Fernández Muíño. O segundo será a proposta de acordo sobre o inicio da exposición pública do Inventario Municipal de Bens, no que se recollen maquinaria, inmobles e fincas de propiedade municipal, pero tamén pistas e camiños. Unha vez que o acordo plenario se publique no BOP haberá un mes para que a veciñanza consulte a documentación e formule as alegacións que estime oportunas.

Coa aprobación plenaria da exposición pública do inventario iniciaríase a última fase dun traballo que o Concello leva desenvolvendo desde o ano 2015 para actualizar a anterior relación de bens municipais, datada en 1997.

A nova proposta de inventario é froito dun acordo coa Deputación da Coruña, que se encargou de recoller información sobre os bens mobles e inmobles, os edificios de carácter histórico ou artístico, vehículos, créditos e dereitos, servizos de alumedado, abastecementos de auga, redes de saneamento, equipamentos e calquera infraestrutura de titulariedade municipal.

Ao estudo provincial incorporouse outro encargado polo Concello en 2015 referido á identificación da rede viaria. Nel reflíctense un total de 1.005 camiños e estradas -434 máis que no inventario do 97- xunto con información sobre a súa situación, toponimia e estado de conservación.

Unha vez que se aprobe o inicio da exposición pública e se publique no Boletín Oficial da Provincia, a veciñanza terá un prazo de 30 días naturais para consultar a información no Concello -haberá un mapa e unha ficha por cada ben- co obxectivo de que poidan presentar as reclamacións e suxestión que estimen convenientes.

En relación coa rede viaria municipal, a corporación tamén deberá votar a desafectación dun treito dun camiño no lugar de Campolabrado, en Naraío. Trátase dun anaco de vía de 192m² que, segundo o informe da arquitecta municipal, está entre dúas leiras dun mesmo propietario e non dá acceso a ningunha finca á que non se poida chegar por outro lado, razón pola que o colindante solicitou no Concello a modificación do seu trazado. O valor certificado pola técnica municipal é de 157,44€.

Outro aspecto que se abordará no pleno será a aprobación definitiva da delegación de competencias na Deputación para a recadación executiva de tributos, prezos públicos e calquera outro ingreso de carácter non periódico ou de periodicidade inferior ao ano. En referenza a cuestións administrativas, a sesión tamén avaliará a modificación da ordenanza reguladora do Servizo de Axuda no Fogar de cara a adaptar os modelos de contrato de prestación do servizo aos recomendados pola Inspección da Xunta de Galicia.

Moción e toma de posesión
A orde do día inclúe unha única moción presentada nos prazos ordinarios polo BNG, referida á demanda de que o Estado levante as restricións que pesan sobre os municipios para poder investir o seu superávit. O bloque pide que se derrogue parte da lei 2/2012 de 27 de abril para que San Sadurniño poida destinar o superávit da liquidación orzamentaria á mellora de servizos que se prestan á cidadanía, ao tempo que insta ao goberno estatal a que se modifiquen os criterios que definen os “investimentos financeiramente sustentables”.

Por último -aínda que na orde do día figure como primeiro punto xusto despois da aprobación da acta da sesión anterior- a relación de temas do pleno inclúe a toma de posesión da concelleira electa Cristina Calvo Tuimil. Calvo concorreu ás eleccións municipais de 2015 no posto nº 6 da lista do Partido Popular -inmediatamente despois do falecido Hipólito Yáñez- e entrará na corporación a raíz da renuncia de Silvia Fernández Muíño.