Luís Calvo Sanz (Carballo), Xuventude Oroso e CD Lugo completaron o podio do torneo, ao que asistiron case un milleiro de espectadores
O Real Club Celta de Vigo proclamouse campión da primeira edición da Troi Cup, I Torneo Internacional de Fútbol Alevín de fútbol 7 do Concello de Oroso tras vencer na final por 3-1 ás Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz (Carballo). Un torneo que reuniu no campo municipal Lino Balado de Sigüeiro a doce equipos españois e portugueses, así como a case un milleiro de afeccionados.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, deu a benvida aos case 150 participantes e aos equipos directivos dos doce equipos presentes, aos que felicitou porque “ademais de ser formadores deportivos, axudades a formar o carácter destes rapaces. Nós seguiremos apostando polo deporte, sobre todo polo deporte de base, porque é cando mellor se collen uns valores como o esforzo, a colaboración ou a constancia que despois serven para a vida en xeral”.
Así mesmo, Mirás salientou o positivo impacto que eventos coma este torneo ou a carreira pedestre do pasado sábado teñen para a economía local orosá, debido ao gran número de público que moven. Pola súa banda, a presidenta da cámara municipal de Góis, María de Lurdes de Oliveira Castanheira, agradeceu en nome da delegación portuguesa o convite a este torneo e aproveitou para convidar aos equipos presentes a participar na vindeira edición da Góis Cup.
Fase final
O tempo acompañou durante toda a xornada xa que non choveu nin fixo vento, aínda que pola tarde si que arrefriou un pouco. A xornada comezou cunha mensaxe de vídeo de Iago Aspas, dianteiro do RC Celta de Vigo e padriño do torneo, que se desculpou cos rapaces por non poder acompañalos en persoa e os animou a desfrutar dunha xornada de fútbol.
Tras a ausencia a última hora do Puente Genil FC, substituído pola ED Xuventude Oroso C, o plantel de equipos participantes quedou do seguinte xeito: R. C. Deportivo da Coruña, R. C. Celta de Vigo, Club Deportivo Lugo, S.D. Compostela, E.F. Luís Calvo Sanz (Carballo), Real Valladolid C.F., dous equipos locais das Escolas Deportivas Xuventude Oroso A e B, S.L. Benfica, Académica de Coimbra e o Vila de Góis.
Dende a liguiña inicial quedou ben claro que a vitoria final era cousa de tres equipos: Real Club Celta de Vigo (14 goles a favor e 1 en contra), ED Xuventude Oroso A (13 goles a favor e 0 en contra) e E.F. Luís Calvo Sanz (6 goles a favor e 1 en contra), que foron os únicos equipos que chegaron invictos á rolda de cuartos de final. Unha rolda na que a ED Xuventude Oroso vencía con dificultades por 1-0 ao RC Deportivo da Coruña mentres as EF Luís Calvo San lograban unha cómoda vitoria por 4-2 fronte ao Real Valladolid. O Celta de Vigo clasificouse logo dunha apurada vitoria por 2-1 fronte á SL Benfica, mentres que o CD Lugo eliminou á SD Compostela na quenda de penaltis logo dun intenso partido que rematou 2-2.
As semifinais enfrontaron aos dous mellores equipos do torneo, Oroso A e Celta, que terminou decantándose do lado vigués por un mínimo 0-1 e despois dunha exhibición de deportividade por parte dos orosáns. Faltando apenas 30 segundos, o porteiro do Celta, incitado polo público, tirouse ata en dúas ocasións para perder tempo. Como soltara o balón e o volveu coller, o árbitro sinalou libre indirecto dentro da área a prol dos orosáns, que lanzaron o balón fora para non penalizar o erro do porteiro do Celta, que posteriormente se desculpou co conxunto orosán. Na outra semifinal, tras empate a 1 gol, os penaltis decantáronse esta vez do lado do Luís Calvo Sanz fronte ao CD Lugo.
Clasificación final
Na gran final, o Celta de Vigo dominou dende o primeiro minuto ao EF Luís Calvo Sanz, se ben os carballeses foron quen de empatar o encontro e mesmo mandar algún balón ao pao mais na segunda metade do partido se viron claramente superados polos celestes, que remataron gañando por 3-1. Na final de consolación, o ED Xuventude Oroso “A” venceu por 2-0 ao CD Lugo.
A clasificación final do torneo foi: R. C. Celta de Vigo, E.F. Luís Calvo Sanz, Escolas Deportivas Xuventude Oroso A, Club Deportivo Lugo, R. C. Deportivo da Coruña, Real Valladolid C.F., S.L. Benfica, S.D. Compostela, Xuventude Oroso B, Xuventude Oroso C, Académica de Coimbra e Vila de Góis.