A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou esta mañá os 18º Xogos de Atletismo para persoas con discapacidade intelectual, organizados por Special Olympics Galicia. Na rolda de prensa estivo acompañada do presidente desta entidade, Eladio Fernández; do seu secretario, Javier García; e dun dos atletas que participará nos Xogos, Jesús Cabo.
Os Xogos celebraranse nas instalacións de atletismo da USC o vindeiro domingo 7 de maio. Tal e como sinalou a concelleira, “é unha honra para nós poder acoller unha edición máis destes Xogos, que buscan a inclusión social das persoas con algún tipo de diversidade intelectual e que reunirán na nosa cidade a máis de 300 persoas entre atletas, adestradores/as, voluntarios/as e organización”.
En total, participarán 199 deportistas con discapacidade intelectual de 17 asociacións de toda Galicia. Tamén se contará coa inestimable colaboración dun grupo de 60 voluntarios e voluntarias de Special Olympics Galicia.
Desenvolvemento dos Xogos
Os Xogos seguirán as regras básicas dos eventos deportivos organizados por Special Olympics, establecéndose tres niveis de participación en función dos coñecementos que os/as deportistas teñen das regras, así como das súas capacidades físicas. Os/as atletas competirán nas probas de velocidade, medio fondo, fondo, salto de lonxitude, salto de altura, lanzamento de peso, marcha, marcha asistida ou lanzamento de bola (softball), entre outras.
A celebración destes Xogos segue o cerimonial das celebracións das Olimpíadas. Os/as deportistas das asociacións participantes desfilarán ante os presentes e, posteriormente, un deportista da Asociación Aspas lerá o lema de Special Olympics “Quero gañar, máis se non o acado, deixádeme ser valente no intento”.
A inauguración oficial dos Xogos será ás 10:45 horas, coa presenza de representantes do Concello de Santiago, acompañados por directivos da entidade Aspas, Fademga Plena inclusión Galicia e de Special Olympics Galicia. As probas darán comezo ás 12:00 e rematarán ás 19:00 horas.
Entrega de premios
Finalizados os xogos, realizarase a entrega do Premio ás Boas Prácticas no Deporte, destinado a enxalzar o comportamento daquela entidade que destaque pola súa deportividade e respecto ás normas e aos seus compañeiros.
Cada entidade dispón dun único voto, que efectúa un deportista en nome de todos os seus compañeiros/as. O premio pretende valorar unha serie de boas prácticas entre as que se inclúen o cumprimento das normas, a nobreza na práctica deportiva, o xogo limpo e o compañeirismo así como o predominio do sentido deportivo e o respecto a árbitros, voluntarios, delegados e compañeiros/as.
Special Olympics
Special Olympics Galicia é unha organización sen ánimo de lucro creada no ano 2000, por acordo de 17 asociacións das diferentes provincias galegas. Os obxectivos da organización son a promoción e a inserción social das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, mediante o lecer, o tempo libre, a cultura e o deporte.
Pola súa banda Fademga Plena Inclusión é unha entidade constituída como asociación e que aglutina a 40 entidades de familiares e profesionais de persoas con discapacidade intelectual de Galicia. Entre os seus obxectivos destaca a consecución dunha plena integración social, laboral e familiar das persoas con discapacidade intelectual, o fomento da constitución de asociación, a divulgación de información xeral e/ou especializada que poida ser de interese ou a denuncia dos casos que vulneran os dereitos das persoas con discapacidade intelectual ou das entidades.