O tempo fixo durante a xornada de hoxe todo o que puido e máis para facernos esquecer que estamos na primavera. Vento, frío, saraibas e tronada en pleno abril e cun pé en maio. Non inaudito pero si raro, tendo en conta que hai uns días andabamos en manga curta e incluso collendo cor na praia. En resume: unha xornada que se lle presentaba máis ben do revés á Feira da Plantación de San Sadurniño. E aínda así houbo xente e xente. Non tanta coma noutras edicións máis primaverais, pero si unha contía suficientemente numerosa coa que a organización non contaba á vista de como o ceo regañaba os dentes a primeira hora da mañá. Tal e como comentaba o edil responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela, a feira da plantación “está consolidada e á xente non lle importa o tempo que faga”.
A que o tempo non influise tamén axudou unha carpa que este ano medrou ao longo e que por veces se estremecía coas ventoeiras. Debaixo dela, expositores con planta e flor chegados de San Sadurniño e doutros municipios da volta que deron conta durante a mañá de boa parte das súas existencias. Consultamos con varios e en case todos os casos destacaron que houbese tan boa venda malia as faenas do tempo.
Foi tamén común o comentario de que a asistencia de público se producise “a golpes” e que o maior número de transaccións se produciron entre as 11.30 e as 13.00h. Hora e media de feira en que, por momentos, o recinto se ateigou de xente, aínda que sen aguantar o tipo con respecto a outras edicións. Ao mediodía Manolo Varela mostrábase satisfeito co funcionamento da feira. “Non hai máis que poñerse á saída e ver canta xente marcha con plantas e con bosas”, comentaba o concelleiro.
De novo foron as plantas de exterior “canto máis floreadas mellor” as que tiveron maior saída, debido tamén a que eran das que había máis oferta e máis variedade, cun claro predominio dos pés de exterior que neste tempo todo o mundo quere poñer na terra. Despois da flor quizais fose a planta aromática a que máis se vendeu, en resposta á moda actual de experimentar na cociña con sabores novos e contrastados.
Da feira tamén houbo quen marchou con árbores froiteiras para trasplantar ou cunha ampla colección de materia prima para morteiros: pementos, tomateiras, leitugas, cebolo, etc. Destes últimos produtos había moito onde escoller nos postos do exterior que chegaron a montar pola mañá en vista do panorama. Tamén era alí onde se oía falar dos estragos que fixo a xeada en parras, cerdeiras, kiwis, pexegueiros e outras árbores queimándolles follas e xenos. Unha desfeita que a saraiba desta madrugada e desta mañá se encargou de rematar, o que fai supoñer que este ano veña especialmente malo para a froita da casa.
Na XXII Feira da Plantación tamén se podían atopar queixos, empanada, rosquillas e algunha artesanía, como a que vendían a forza de megáfono os nenos e nenas da compañía Bombiglobo para financiar o seu proxecto musical enmarcado no programa LÓVA que se desenvolve no CPI desde hai varios anos.
A maior actividade no encontro rexistrouse ata as 14.00h., intre no que se celebrou o primeiro sorteo de lotes de produtos. Ao longo da tarde houbo un constante ir e vir de xente que, sen embargo e como é habitual faga o tempo que faga, non chegou ao ambiente da mañá. O Concello -organizador do evento coa colaboración de Vivergal e da Deputación da Coruña- tivo instalado un posto no que se agasallou cun lote de plantas a todas as persoas asistentes e onde, ademais, tamén houbo obradoiros nos que a rapazada puido plantar unha flor e decorarlle a maceta.
A próxima cita co mundo agroalimentario en San Sadurniño seguramente sexa o domingo 25 de xuño na edición de verán do Mercado Local, que ten lugar nos xardíns municipais.