O Concello de Ordes viviu a segunda xornada da súa feira multisectorial e de maquinaria agrícola ExpoOrdes 2017. Un día especialmente dedicado á Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. Por este motivo representantes institucionais dos municipios co presidente do ente supramunicipal á cabeza, Roberto Rey, acudiron hoxe á carpa instalada no Campo da Feira ordense. Un momento do que tamén formaron parte os membros do Goberno Local ordense e o seu alcalde, José Luís Martínez Sanjurjo. O lugar de encontro para todas e todos eles foi o posto institucional instalado para a ocasión como cada ano. Nesta edición acolle unha mostra fotográfica dos artesáns máis coñecidos de toda a comarca. Tras unha visita polo recinto e a mostra de maquinaria agrícola todas e todos degustaron viños, queixos e produtos do país no posto instalado polo Consello Galego de Cooperativas.
Xa de cara a mañán agárdanse milleiros de visitantes na que será a XXVIII Degustación do Champiñón. En total repartiranse 3.500 quilos nos bares, restaurantes, puntos de venda etc. Co fin de facilitar o acceso o Concello habilitou máis de 8500 metros cuadrados de aparcamento gratuíto xusto en pleno casco urbano e a escasos metros da zona de mostras.
A nota musical hoxe correu a cargo da Asociación Cultural Camiño Real de Poulo, mentres que mañán será o turno para o grupo de gaitas Sementes da Arte, a Banda de Música de Ordes, ademais da charanga Ruada.com.