Friday 22 de November de 2024

A Xustiza desestima a admisión a trámite do recurso de Urbaser: Recolte será o novo concesionario do servizo de limpeza


A sala primeira do contencioso-administrativo do Tribunal de Supremo acaba de desestimar a admisión a trámite do recurso de casación interposto por Urbaser contra a sentencia de 17 de novembro de 2016 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que invalidaba a resolución do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais en virtude da cal se declaraba a nulidade do procedemento de adxudicación do contrato de limpeza de Riveira.

Isto significa que a sentencia ditada polo TSXG é firme e, polo tanto, Recolte Servicios y Medio Ambiente será o novo concesionario do servizo de limpeza urbana e recollida de lixo do concello de Riveira conforme e transporte de residuos sólidos urbanos (excluída a fracción vidro) e xestión de punto limpo.

Deste xeito, dáse a razón ás pretensións do Concello e da empresa inicialmente adxudicataria, declarando que a citada resolución do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais non é conforme a dereito.

Cómpre lembrar que a empresa Recolte fora a que obtivera a mellor clasificación no procedemento concluído na primavera de 2015 de entre as seis ofertas presentadas. A proposta económica desta entidade ascendeu a 1.697.453,44 euros anuais, IVE incluído, por un período de 12 anos.

Con este novo contrato o Concello de Riveira persegue unha xestión de residuos máis eficaz, a través de determinados aspectos como a introdución da carga lateral (con maior nivel de limpeza e menor risco de desborde), primando que o concesionario logre reducir as toneladas de bolsa negra ou incluíndo a xestión de algas na recollida en praias (eliminando así este sobrecuste para as arcas municipais) e avogando por un maior compromiso social a través da valoración de que se incorporen empresas de economía social na xestión de papel cartón.

Ademais, polo que respecta á limpeza viaria se pretende ampliar o servizo a praias e paseos marítimos e se inclúe o desbroce de beirarrúas, limpeza de zonas verdes e recreativas e miradoiros, pintadas e mobiliario urbano e unha limpeza específica previa ao comezo da tempada de verán.

O novo modelo aposta ademais pola tecnificación, de xeito que, co fin de garantir a eficiencia no servizo, se controle en tempo real as rutas e ubicacións dos elementos móbiles a través de sistemas de xeolocalización.

Os grupos da Corporación xa foron informados desta desestimación.