Saturday 16 de November de 2024

XI Mostra de Teatro Afeccionado de Lousame


As actuacións terán lugar o sábado e o domingo, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura. Entrada libre e de balde

Teatro da Falúa (da Universidade de Santiago) e Teatro do Improvisto (Boiro) protagonizan unha ración dobre de teatro en Lousame dentro da XI Mostra de Teatro Afeccionado. Ambas actuacións terán lugar na Casa da Cultura de Lousame, ás 19:00 horas, e a entrada é totalmente libre e de balde.

Teatro da Falúa presentará este sábado 15 de novembro en Lousame; “Falúa´s flying circus”, unha obra que substitúe á inicialmente programada (“A Princesa prometida 2.0”). Esta comedia, baseada en textos do grupo Monty Phyton, foi galardoada na Mostra de Teatro Universitaria de Galicia co premio ao mellor espectáculo e ao mellor actor (Pablo Fontenla). Ademais foi seleccionada finalista no certame Xuventude Crea.

Para o domingo 16 de novembro está programada a representación “A incerta viaxe dos señores Nuwinzki”, de Teatro do Improvisto. Trátase tamén dunha comedia, dirixida a toda a familia, duns 50 minutos de duración. Nela contan as aventuras dunha familia á que unha xornada de picnic se lles complica pola aparición dunhas personaxes, chamadas “ilostas”, que non fan máis que xogar e marear.

A XI Mostra de Teatro Afeccionado Concello de Lousame está organizada pola Concellería de Cultura de Lousame, en colaboración coa asociación cultural Xuventude de Cruído e coa asociación cultural Toxos e Carrouchas.