Saturday 16 de November de 2024

O concello emprenderá novas melloras no campo de fútbol da Trinidade en Oleiros


O Concello de Riveira ten previsto emprender novas melloras no campo de fútbol da Trinidade en Oleiros, que xa se beneficio nos últimos anos de diversas actuacións dende que pasase a ser de titularidade municipal, entre elas a instalación de céspede artificial.

Así, a nova obra programada ten un importe económico de 30.651,71 euros e está adscrita ao Plan de Acción Social da Deputación. O prazo de execución é dun mes e medio.

O proxecto técnico elaborado polos servizos municipais céntrase nun talude situado no lindeiro este do campo de fútbol, que está constituído por terra natural i é consecuencia do desmonte realizado no seu día para ampliar a instalación. Dito talude ten unha forte pendente con máis de 70 graos de inclinación con respecto á horizontal o que provoca que na tempada invernal se produzan desprendementos que chegan a obstruír a canaleta perimetral do terreo de xogo, dificultando a evacuación das augas.

Así e logo, as obras que se realizarán son tendentes a mellorar este talude e, para tal fin, suavizarase a súa pendente para deixala cunha inclinación de entre 55 e 60 graos para evitar futuros desprendementos de terra. Ademais, construirase un muro de contención de perpiaños dun metro de altura na parte inferior do talude e instalarase terra vexetal, plantas “tapizantes” e outros elementos sobre o talude perfilado a fin de embellecelo ademáis de ter funcións de contención.

Unha vez rematadas estas obras, pavimentarase con formigón a franxa de terreo comprendida entre o talude e a canaleta do campo de fútbol, franxa que terá unha lonxitude de 105 metros de longo e un metro de ancho.