Friday 22 de November de 2024

46 postos inscritos para a XXII Feira da Plantación


O evento desenvolverase o domingo ao pé do CPI de San Sadurniño

O Concello acaba de publicar o listado de expositores inscritos na XXI Feira da Plantación de San Sadurniño que este domingo volverá ser referente do potencial agrícola da comarca. En total apuntáronse 46 postos, catro máis que o ano pasado. Todo está practicamente listo e só se agarda que o tempo acompañe. Aínda que caia algunha chuviscada -como xa ocorreu en anteriores edicións- o máis probable é que en pouco ou nada lle afecte á asistencia, que habitualmente se conta por milleiros de persoas. A feira desenvolverase de novo nunha carpa de 2.000 m². Debaixo dela só haberá expositores de flor e planta, mentres que o resto de expositores -artesanía e alimentación- se disporán na rúa paralela ao colexio público e no prado que hai ao seu carón.

Na feira atoparemos reunidos de novo a viveiros de planta e árbores, florerías, produtores e produtoras de horta, ademais de postos de alimentación e de artesanía relacionada dalgún xeito co mundo vexetal. Un dos obxectivos do encontro é servir de escaparate para as empresas e persoas vinculadas ao agro e unha maneira de poñer en valor as posibilidades de futuro do medio rural como sinónimo de calidade de vida e de oportunidades económicas a través da sustentabilidade.

O evento iniciarase sobre as 10 da mañá e estará aberto ata a tardiña. Nel haberá á venda produtos de todo tipo relacionados co cultivo da terra, aínda que grande parte do protagonismo levarano as flores e plantas. Inscribíronse un total de 46 postos, 7 deles son viveiros -planta, árbores, etc.- ou florerías, 24 céntranse na venda de alimentación, e 12 no apartado de artesanía. A maiores hai outros tres, un da agrupación Con Suma Conciencia, con información sobre as súas actividades e sobre o grupo de consumo que teñen en funcionamento, outro de SOGAMA e, por último, outro instalado polo Concello para promocionar a recollida do lixo porta por porta, dar información turística e acoller as actividades para a rapazada.

A XXII Feira da Plantación comezará sobre as 10 da mañá e estará aberta sen interrupción até pasadas as 19.00h. O público poderá atopar todo tipo de produtos relacionados co cultivo da terra, ademais de gozar do espectáculo en si que ofrecen os expositores tinguidos de cor. Para a rapazada tamén haberá dous obradoiros, un de 12 a 13.30h. e outro de 17 a 18.30h, nos que decorarán a súa propia maceta para despois poñer nela unha planta. En cada quenda hai 12 prazas dispoñibles e non fai falla inscrición previa, aínda que si será preciso que os nenos e nenas estean acompañadas por algunha persoa maior.

Outra parte tradicional do programa é a de agasallar ás persoas asistentes cunha planta de recordo doada por Vivergal S.L. -empresa local que colabora habitualmente co evento- e a de recibir con cada compra papeletas para participar nos sorteos de varios lotes de produtos. O primeiro será sobre as 14.00h. e o segundo a iso das 19.00, momento no que se dará por clausurada a feira.

Alén da poñer en valor do rural e do seu potencial, a feira tamén é unha escusa perfecta para achegarse a San Sadurniño e botar o día coñecendo o territorio ou gozando da boa mesa nalgún dos locais hostaleiros do municipio. No caso dos restaurantes e mesóns próximos aconséllase reservar mesa.