O salón de plenos da Casa Consistorial de Riveira serviu de escenario para a presentación do IX Campeonato de Verán Soño Olímpico que, organizado polo club Natural Sport, terá lugar no noso municipio entre os días 10 e 16 de xullo. Así mesmo, o acto serviu para distinguir unha vez máis ao Natural Sport polo seu 10º campionato nacional consecutivo de clubs.
Ademais da presenza do alcalde Manuel Ruiz e do coordinador deportivo do club, Juan Luis Martinez, o evento recibiu tamén a visita da secretaria xeral para o Deporte da Xunta, Marta Míguez, e do presidente da Federación Galega de Taekwondo, Juan Carlos Eiriz. Marta Míguez declarouse encantada de ter a súa primeira visita de traballo no concello (que xa coñecía polos seus atractivos turísticos, dixo), felicitou aos integrantes do Natural Sport e manifestou a “oportunidade marabillosa” que ofrece este campamento de verán para xuntar a base con adestradores de alto nivel que lles axudarán na súa formación.
Soño Olímpico cubrirá unha vez máis as 200 prazas vacantes. Entre os mestres que amosarán os seus coñecementos na concentracións estarán, segundo informou Juan Luis Martínez, algúns da talla da medallista olímpica 2016 Eva Calvo ou o campión mundial Jaouad Achab, de orixe marroquí pero que compite por Bélxica.