Saturday 16 de November de 2024

Inés Santé aposta por medir o grado de desenvolvemento dunha sociedade tendo en conta a calidade da paisaxe


A directora do Instituto de Estudos do Territorio recorda que Galicia deu nos últimos anos un salto cualitativo en materia de protección da paisaxe e a ordenación do territorio

A directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, apostou por ter en conta a calidade da paisaxe para medir o grado de desenvolvemento dunha sociedade. A directora do IET participou nunha charla con alumnos do máster de Arquitectura da Fundación Juana de Vega, aos que lles explicou que Galicia deu un salto cualitativo e cuantitativo nos últimos anos en materia de protección da paisaxe e da ordenación do territorio.

A modo de resumo, recordou que Galicia conta hoxe cunha Lei do solo, un dos texto lexislativos máis importantes da pasada lexislatura, e que dota á Comunidade galega da ferramenta precisa para contar cunha Galicia ordenada e para combater o feísmo; cunha Guía de cores e materiais e unha Guía de peches e tamén se fixeron traballos de campo e análise que deron como resultado, a identificación de 211 Áreas de Especial Interese Paisaxístico (AEIP), tal e como se recolle no Catálogo das Paisaxes de Galicia, que serviu como base para determinar a caracterización de solo rústico de especial protección paisaxística que recolle a Lei do Solo de Galicia.

Inés Santé invitou aos arquitectos a observar as paisaxes galegas para poñer en valor os aspectos que identifican o territorio e solicitoulles, que no exercicio da súa profesión teñan a capacidade suficiente para ter en conta o valor de cada unha das áreas de especial interese paisaxístico, así como o seu potencial no conxunto do territorio.

Santé Riveira indicou que os axentes que interveñen no territorio “debemos integrar nas actuacións a protección, a xestión e a ordenación das paisaxes, como un factor para potenciar a calidade de vida” en todo o territorio e como integrantes da identidade cultural.

Ademais, a directora do IET recordou que outra das iniciativas nas que está a traballar o Goberno galego son as Directrices da paisaxe, que na actualidade estase a realizar o traballo de análise de alegacións presentadas, que serán unhas normas e recomendacións para a integración dos obxectivos de calidade paisaxística nos plans urbanísticos e sectoriais, así como nas estratexias rexionais e locais.