O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañou hoxe a un grupo de alumnos do CEIP Milladoiro de Malpica durante a súa visita
Un total de 20.456 persoas participaron durante o ano 2016 no programa de visitas guiadas do Museo de Belas Artes da Coruña, formando parte de 762 grupos. Destas visitas conxuntas, 533 corresponderon a centros escolares, mentres que os outros 229 grupos foron de diversos colectivos culturais, xuvenís ou veciñais que solicitaron un percorrido guiado. O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañou hoxe a un grupo de alumnos de primeiro e segundo de Primaria do CEIP Milladoiro de Malpica, co fin de “apoiar a dinamización dun dos mellores espazos culturais da cidade, memoria viva non só da Coruña, senón tamén de Galicia enteira”. Rodeiro dixo que “no Museo de Belas Artes da Coruña conviven o material co inmaterial, xa que ademais das obras de arte, o recinto tamén nos tramite a historia colectiva do que fomos e do que somos”.
A iniciativa xurde a finais do século XIX, aínda que haberá que agardar ata 1922 para asistir á súa creación oficial. A posta en marcha en 1995 das novas instalacións, deseñadas polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto, que acadou o premio Nacional de Arquitectura co seu proxecto, permitiu que o actual Museo de Belas Artes da Coruña conte con máis de 5.000 metros cadrados con todo o equipamento necesario para o desenvolvemento dun proxecto museográfico moderno. O edificio estrutúrase en torno a un eixo central: unha rúa cunha cuberta de cristal que distribúe os espazos interiores, o vello predio do convento das Capuchinas do século XVIII, recuperado como espazo de exposición, e a construción de nova planta, zona de exposición, de almacén e de servizos internos do museo, que tamén conta cunha biblioteca de máis de 9.000 obras de consulta.
A colección do Museo de Belas Artes inclúe pintura, debuxo, escultura, gravado, artes decorativas e arqueoloxía. A sala un conta con pintura relixiosa dos séculos XVI e XVII; a dúas con pintura relixiosa, mitolóxica, retrato e bodegón do XVII; a tres con pintura e artes decorativas do século XVIII; a sala catro do museo está dedicada ao século XIX; a cinco con pintura galega do XIX e principios do XX, e a seis cos movementos galegos de vangarda. Complétase con dúas salas especializadas, unha en gravados de Goya e outra de cerámica de Sargadelos. Nestes días o museo está a exhibir a exposición non permanente California dreaming, organizada pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, que fai un percorrido polo deseño das casas unifamiliares do Case Study Houses Program, unha iniciativa do segundo terzo do século pasado de vivendas para xente nova. A exposición remata o 4 de xuño e nela tamén participa o Colexio Oficial de Arquitectos.