Saturday 16 de November de 2024

A gardería municipal de Brión celebra a Semana da Música con tres actuacións de familiares dos seus alumnos e alumnas


Os nenos e nenas da gardería municipal de Brión gozaron esta mañá dun concerto especial de música infantil a cargo do grupo Briame, composto por cinco veciños e veciñas de Brión que, ademais, eran familiares dos pequenos: Patricia Vázquez Lamas, Montse Mansilla Rodríguez, Raquel Nieto Camiño, Ángeles García Castro e Juan Montero Gómez. Trátase dunha das tres actuacións da Semana da Música 2017, unha iniciativa posta en marcha pola escola infantil brionesa para que os cativos se inicien no gusto á música e que conta coa colaboración desinteresada de ex-alumnos, pais e nais que comparten a súa arte cos pequenos.

Os nenos e nenas, acompañados por numerosos pais e nais, asistiron hoxe a un concerto de media hora. Durante os primeiros vinte minutos escoitaron e aplaudiron as distintas cancións tradicionais e infantís interpretadas polo grupo Briame. Os últimos dez minutos foron de baile e festa, coincidindo con temas folk como “A saia da Carolina” ou unha muiñeira.

A Semana da Música 2017 da gardería municipal de Brión arrincou onte martes coa actuación de Jessica Beiroa Fernández e Elena Fernández Bautis. Rematará mañá xoves co Grupo L4miño, que repite experiencia un ano máis. A actuación do grupo composto por Fran Rei (baixo), Carlos Uriarte (guitarra e voz), Félix Rodríguez (vibráfono) e Gerardo Otero (batería) terá lugar ás 10:30 horas e está aberta a todos os pais e nais con nenos/as na gardería brionesa.