O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, reuniuse hoxe coa Asociación de Veciños e Comerciantes da Falperra, que consideran inviable a proposta municipal
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, reuniuse con directivos e membros da Asociación de Veciños e Comerciantes de Santa Lucía, que seguen reivindicando a construción dun centro de saúde digno para o seu barrio.
O presidente da asociación expuxo que seguen a reclamar do concello a cesión do mercado de Santa Lucía para a edificación do centro de saúde do barrio, unha demanda pola que levan loitando varios anos e na que topan unha e outra vez coa oposición do Concello, partidario de converter en ambulatorio un edificio vertical que non reúne as condicións técnicas axeitadas. O presidente da asociación, Antonio Deus, pediulle ao delegado territorial que traslade o “especial interese dos veciños e os comerciantes por aproveitar a oportunidade que temos de conseguir para o noso barrio un centro de saúde digno e funcional”.
Pola súa banda, Ovidio Rodeiro reiterou que a postura do Goberno galego pasa por reiterar ao Concello que a localización idónea do centro de saúde proxectado na Falperra é o mercado de Santa Lucía en disposición horizontal, é dicir, nunha soa planta. O delegado sinalou que “na área de influencia da Falperra hai moita xente maior con necesidade dun novo centro e á que desprazarse a outro lugar supón un gran esforzo”. Instou ao Goberno local a cumprir co convenio xa subscrito coa Xunta para situar no mercado o novo centro de saúde e reclámalle ao Concello que retire a licitación, que segue en proceso de tramitación.