O Goberno galego volveu a convocar para este ano unha liña de subvencións de 9,6 millóns de euros, que apoian ata o 40 por cento do custo total da inversión
A Consellería do Medio Rural investiu na provincia da Coruña en 2016 un total de 3,5 millóns de euros para subvencionar 48 proxectos de modernización de tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos procedentes do monte, o que supuxo un investimento total de preto de dez millóns de euros neste sector.
O delegado territorial, Ovidio Rodeiro, destacou “a importancia do sector forestal en Galicia, que representa o 3,5 do PIB da nosa comunidade e dá emprego a 20.000 persoas”. De aí o esforzo que está a facer a Consellería do Medio Rural para “fomentar a competitividade deste sector estratéxico, que axuda a fixar poboación e riqueza no noso rural, ao tempo que contribúe a manter unha xestión sostible dos recursos naturais”.
Ovidio Rodeiro fixo estas declaracións na visita a unha empresa madeireira de Oza-Cesuras, Hermanos García Rocha, que ven de percibir unha subvención da Consellería do Medio Rural para a adquisición dunha máquina que permite automatizar o proceso de limpeza das cortizas das árbores, incluíndo o dosificador alimentador, o carro fixo de entrada e a cadea lonxitudinal de evacuación da madeira.
Esta liña de axudas está destinada a proxectos de valorización e comercialización de produtos derivados dos aproveitamentos forestais; a apoiar os investimentos para a adquisición de maquinaria e equipos para o aproveitamento dos produtos forestais. Así mesmo subvencionáronse os custos relacionados coa mobilización, comercialización e transformación da madeira, incluídas as operacións de traballo antes do serrado industrial.
Este ano a Xunta de Galicia volveu a convocar esta liña de axudas, cun orzamento de 9,6 millóns de euros, que apoian ata o 40% do custo total, cun máximo de 150.000 euros por solicitude.