Saturday 16 de November de 2024

Cambre licita a primeira Feira no Paseo Marítimo do Temple


A feira contará con 82 postos repartidos polas rúas de Paseo Marítimo, Manuel Murguía, Párroco M. Cobas e Celso Emilio Ferreiro

O Concello de Cambre licita a primeira feira do Temple no Paseo Marítimo que terá lugar os segundos venres de cada mes. O obxectivo do executivo local é dinamizar a economía local da maior parroquia do concello, tanto do sector comercial como do hostaleiro.

A licitación será publicada esta mesma semana no BOP e os interesados poderán solicitar o seu posto durante os 20 días seguintes á publicación do anuncio oficial no boletín provincial. Tamén poderán consultar as bases na páxina web do Concello e no taboleiro oficial de anuncios do consistorio.

A feira contará con 82 postos repartidos polas rúas de Paseo Marítimo, praza Manuel Murguía, Párroco M. Cobas e Celso Emilio Ferreiro. Os postos ambulantes estarán dedicados a alimentación, calzado, téxtil, agrario, entre outros.

Durante o verán o horario da actividade comercial será de 16.00 a 21.00 horas, e durante o período invernal será de 9.00 a 14.00 horas.

Na actualidade a Axencia de Desenvolvemento Local conta cunha lista de espera de 65 feirantes polo que o Concello espera completar os postos ofertados na parroquia do Temple, a máis poboada do municipio e a que conta con maior actividade comercial.

Segundo a concelleira de Desenvolvemento Socioeconómico, Leonor Fernández, a feira será unha realidade pronto grazas ao entendemento coa Demarcación de Costas coa que, tras aclarar os aspectos das taxas ambulantes, axudou a impulsar esta inicitiva municipal. “Quero agradecer ao comercio e á hostalería do Temple as súas achegas e o seu entusiamo para poñer en marcha esta feira que esperamos redunde nunha maior dinamización comercial e hostaleira na zona e coma punto de encontro de toda a veciñanza do municipio”, apuntou.