Antonio Leira fai un chamamento á participación dos albergues, hostalería e comercio de Oroso neste evento divulgativo “pois o Camiño é unha fonte de riqueza que temos que mimar e potenciar”
O Concello de Oroso, en colaboración coa Deputación da Coruña, organiza este venres 28 de abril unha dobre iniciativa promocional do Camiño Inglés, aberta a toda a veciñanza e especialmente dirixida aos albergues e ao sector hostaleiro e comercial do municipio. A partir das 20:00 horas, o centro cultural de Sigüeiro acollerá unha charla divulgativa sobre esta ruta Xacobeo a cargo do presidente da Asociación de Xornalistas do Camiño Inglés, Cristóbal Ramírez, e unha degustación dun prato típico dos peregrinos: a torta de garavanzos, a cargo de María Varela, da Parada das Bestas (Palas de Rei).
O concelleiro de Turismo, Antonio Leira, fai un chamamento á participación dos albergues, hostalería e comercio de Oroso neste evento divulgativo, “pois o Camiño Inglés é unha fonte turística e de riqueza que temos que mimar e potenciar, como ben quedou patente no evento celebrado o pasado sábado en Betanzos”. Neste sentido, Leira Piñeiro explica que “é importante que o sector hostaleiro e comercial coñeza non só as potencialidades e atractivos que ten o Camiño Inglés da man dun dos seus maiores divulgadores como é o noso veciño Cristóbal Ramírez, senón que tamén teñan referencias de iniciativas de éxito postas en marcha por persoas coma elas apoiadas no Camiño, como son esas receitas dos peregrinos da Idade Media recuperadas por María Varela e que lle valeron o Premio Alimentos de España en Restauración 2013”.
Charla e degustación
O evento comezará cunha conferencia divulgativa sobre a historia do Camiño Inglés e os seus numerosos atractivos culturais, naturais, etnográficos e arquitectónicos impartida por Cristóbal Ramírez, xornalista divulgativo da Ruta Xacobea e presidente durante dúas décadas da Asociación de Xornalistas do Camiño Inglés. Unha iniciativa promovida pola Deputación da Coruña a través da campaña Primavera no Camiño Inglés para promover e impulsar a afluencia de visitantes desta Ruta Xacobea que transcorre integramente pola provincia da Coruña. A de Oroso será a sétima das oito conferencias programadas polo ente provincial, a falta dunha última charla en Pontedeume o próximo mes de maio.
Unha vez rematada a conferencia terá lugar unha degustación a cargo de María Varela, propietaria da casa de turismo rural Parada das Bestas (Palas de Rei), quen ofrecerá aos presentes o prato máis típico para os peregrinos: unha torta de garavanzos. Trátase dunha masa a base de garavanzos e que se cociña dun xeito moi semellante á empanada. Un prato sinxelo co que os peregrinos enchían o bandullo mentres tiraban dun viño branco augado para poder pasalo. Un costume que se rememorará con esta degustación. María Varela é coñecida por ter recuperado receitas dos peregrinos dende a Idade Media ata hoxe, que ten editado en folletos como “Sabores perdidos do Camiño de Santiago”. Unha orixinalidade que lle ten valido varios galardóns como o Premio de Excelencia e Innovación para Mulleres Rurais 2012 ou o Premio Alimentos de España en Restauración 2013, ambos convocados polo Ministerio de Agricultura.