Friday 22 de November de 2024

O centro cultural de Sigüeiro acolle ata o 14 de maio a exposición de pintura “Catro médicos por Oroso”


O centro cultural de Sigüeiro acollerá ata o vindeiro 14 de maio a exposición “Catro médicos por Oroso”, unha mostra colectiva de pintura protagonizada polos médicos Constantino Cuesta (Oroso), Jesús Vázquez Gallego (Lugo), Leopoldo García Méndez (Vigo) e Pablo González Leal (Ferrol). Unha exposición que foi inaugurada polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, quen salientou que “vai estar aberta durante a XXI Festa da Troita, polo que vai pasar moita xente por aquí”.

Mirás Franqueira explicou que “Catro médicos por Oroso” reúne un total de 24 cadros, seis por autor, de estilos moi complementarios. “Mentres Constantino Cuesta se achega ao cubismo, Leopoldo García retrata as cores do ceo e o mar do Rosal, Jesús Vázquez explora novos camiños en cada obra sen renunciar ao seu propio estilo, e Pablo Galego é quen de reconciliar as influencias da Escola de Munich e os expresionistas americanos dos anos 60”.

Un punto no que coincidiu Constantino Cuesta, quien salientou que “esta exposición conta cunha variedade de estilos ben pronunciada. Temos en común a medicina pero despois cada un ten o seu estilo”. Cuesta Ibáñez indicou que “a arte non nos permite curar á xente, pero si facer cousas diferentes para manternos fóra dese stress diario e entrar nun mundo paralelo”.

Así o corroborou Jesús Vázquez, quen indicou que “como médicos, en vez de pastillas e píldoras, usamos un pouco a pintura como escape”. Jesús Vázquez salientou que “este proxecto naceu hai 5 ou 6 anos en Palas de Rei e, dende entón, temos exposto en Vilalba, Deza, Ulla, Coruña, Baiona, O Saviñao… cada un co seu estilo dispar”.

A mostra recolle obras asinadas por catro doutores galegos que tamén apostaron por teren unha traxectoria artística. Así, ademais de médico de atención primaria en Oroso, Constantino Cuesta ten realizado varias exposicións individuais e colectivas, tanto en Galicia como en Portugal, ademais de escribir varias novelas. Pola súa banda, Jesús Vázquez ten exposto por Galicia, Canarias, Andalucía, Barcelona ou Marrocos. Leopoldo García levou as súas creacións por toda Galicia dende 2006 e Pablo Galego Leal comezou a pintar a mediados dos anos 80 e ten editada unha novela.