Participarán un total de 34 equipos do Barbanza, Costa da Morte, Santiago e A Barcala das categorías prebenxamín, benxamín e alevín
O campo de fútbol de Cabanetán (Lesende-Lousame) acollerá o domingo 30 e o luns 1 de maio a quinta edición do Torneo Fútbol Base F-8 Lousame 2017 que, se o tempo acompaña, reunirá a máis de 1.500 persoas, entre xogadores e familiares. Un torno no que se darán cita un total de 34 equipos das comarcas do Barbanza, Costa da Morte, Santiago e A Barcala, así como un conxunto de León, das categorías prebenxamín (6-7 anos), benxamín (8-9 anos) e alevín (10-11 anos).
Uns datos que foron presentado esta mañá pola concelleira de Deportes de Lousame, María Reguenjo; o primeiro tenente de alcaldesa, Ramón Martínez; e o director do torneo e presidente do recén constituído Club Lousame Deporte, Néstor Romero, quen estivo acompañado por Eduardo Agraso e José Manuel Outeiral, membros da directiva do club. Regenjo salientou que este torneo “abre un mes moi deportivo en Lousame, onde o 14 de maio teremos a VIII Marcha BTT Cronometrada organizada polo Club BTT Triatlón O Treito e o 21 de maio teremos a III Carreira Popular Pilar Barreiro Senra”.
María Regenjo salientou que este torneo naceu “porque non había outra iniciativa semellante na contorna e porque pensamos que é importante promover o deporte dende as idades máis tempranas. Ademais, o torneo é tamén algo para toda a familia, que veñen a Lousame a desfrutar dunha xornada de deporte e de lecer, pois haberá zonas con inchables e xogos para os nenos”. Así mesmo, felicitou ao Club Lousame Deporte pola organización do evento e “por levar o nome de Lousame para que o coñezan en moitos lugares. Que este ano participe un club de León é importante”.
Participantes
Pola súa banda, o presidente do Club Lousame Deporte e técnico municipal de Deportes, Néstor Romero, coincidiu en que “o torneo naceu porque non había outro semellante na zona e queriamos involucrar aos equipos do Barbanza. Despois viñeron equipos do Deza e de Santiago. E este ano intentamos variar e que houbera equipos doutras zonas como Costa da Morte e A Barcala, ademais do Barbanza e Santiago”.
En total, o torneo reunirá a 34 equipos das categorías prebenxamín (8), benxamín (12) e alevín (14). Os prebenxamíns xogarán na mañá do domingo 30 de abril divididos en dous grupos de catro equipos cada un. O luns 1 de maio será a quenda dos benxamíns e alevíns, con partidos dende as 9:00 horas ata ben entrada a tarde-noite. Entre os equipos participantes “temos que facer unha especial mención ao Caboalles CD, de León, que se puxo en contacto con nós”, explica Néstor Romero.
O resto de equipos participantes son: Unión Club Deportiva Cee, Xallas FC, SD Negreira, SD Villestro, Asociación Deportiva Burgo das Nacións, SD O Pino, Bastavales UD, AD Cruído, Noia CF, Boiro CF, Xuventude Aguiño, Outes FC, Atlético Riveira e Crocha CF. A día de hoxe estase pendente da confirmación do Sporting Estrada. “É un éxito porque temos rapaces dun radio de 60-70 quilómetros arredor e veñen clubs que non adoitan vir por esta zona, pero que escoitaron falar ben do torneo”.
Pola súa banda, Eduardo Agraso, membro do Club Lousame Deporte, agradeceu a colaboración dos colaboradores, “pois sen eles é moito máis difícil”, así como do Concello de Lousame. do Club de Fútbol Lesende e da Federación Galega de Fútbol. Entre os patrocinadores figuran: Soñora Fernández SLU, Lolita Moda, Plus Ultra Seguros, Elgasa, Autos Patiño, Fisioterapia Cinesia, Paco´s Moda, Autos Comparado, Muebles Muñiz, Deportes Casais, Silmaplast e Excavaciones, Transporte, Obras y Servicios M. Rodríguez SL.