Friday 22 de November de 2024

Feijóo anuncia un plan para reforzar a loita contra a venda de produtos agroalimentarios sen etiquetar


Esta nova iniciativa fai especial fincapé en produtos tan importantes para Galicia como son viño, as bebidas espirituosas, os queixos e os meles

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou tras o Consello da Xunta, a posta en marcha dun plan de actuacións para reforzar o control e a loita contra a venda de produtos agroalimentarios sen etiquetar. Durante a rolda de prensa, Feijóo precisou que esta nova iniciativa fai especial fincapé na situación específica en produtos tan importantes para Galicia como son o viño, as bebidas espirituosas, os queixos e os meles.

Así, o plan propón unha serie de medidas nas que estarán implicados de xeito coordinado varios departamentos: a Consellería de Sanidade, “dado que é un un asunto que afecta á saúde pública”, explicou Feijóo; a Consellería do Medio Rural e do Mar, “porque ten por obxectivo a loita contra a fraude alimentaria”; a Consellería de Economía e Industria, “porque ten que defender os dereitos dos consumidores”; a Axencia Turismo de Galicia, “porque lle afecta ás súas competencias e á imaxe de Galicia no exterior cando se consumen produtos sen etiquetar dicindo que son galegos e non sabendo de onde son”; e por último, dixo Feijóo, á Vicepresidencia, “polas súas atribucións en materia de Administración local e de Policía”.

Entre as principais medidas, o presidente autonómico destacou a realización dunha campaña de información aos consumidores, o apoio a feiras e eventos que respecten a legalidade, ou o apoio aos concellos no control de feiras e furanchos. As campañas de control de produto sen etiquetar en establecementos retallistas e de hostalería e a creación dun portelo único de interlocución cos consellos reguladores, no que estes poidan presentar as súas denuncias, son outras medidas que adiantou o responsable do Goberno galego e que tamén están incluídas no plan.
“Unha das medidas será ofrecer aos concellos os servizos de inspección da Xunta, para facilitar o labor de control en feiras e furanchos”, incidiu Feijóo, remarcando que tamén se vai levar a cabo unha campaña de control de produtos lácteos elaborados baixo a normativa de produtos lácteos tradicionais; que se creará un portelo único para recibir denuncias que realicen os consellos reguladores dos viños, dos queixos e dos meles; e que haberá unha campaña de control de produtos sen etiquetar, tamén, na hostalería”.

“En definitiva, agora calquera persoa pode denunciar ante a Xunta o incumprimento da normativa de etiquetaxe”, aseverou Feijóo, subliñando que, sen ningunha dúbida e visto o volume detectado recentemente na presunta fraude de licores e augardentes procedentes de Portugal, “se acredita que estamos ante unha cuestión non menor, e de que estamos ante unha cuestión na que temos que protexernos porque os únicos prexudicados son os que cumpren as leis no ámbito da agroindustria galega”, sentenciou.